Tania Veiras: "Saio do ximnasio con outra mentalidade"

A cantante é emprendedora de Ordes practica pilates tres días á semana e acode ao ximnasio, onde entrena facendo circuítos de exercicios. A actividade física axúdalle a controlar a ansiedade e a respiración, algo fundamental para a tempada de actuacións nas orquestras
Tania Veiras.EP
photo_camera Tania Veiras.EP

A profesión de cantante de orquestra require unha boa condición física e mental. Iso teno moi claro a polifacética Tania Veiras (Ordes, 1989). Esta artista, que nestes momentos actúa e participa como xurado no programa ‘Xuntos’ da TVG, tamén dirixe a súa propia tenda de roupa online, Sweet Papaya Shop. Para ela, o deporte é un bálsamo contra a ansiedade.

Grande aliado para rectificar a postura, controlar a respiración e combater a dor de espalda, Tania fai pilates de máquina tres días á semana. "Vénme xenial para descontracturarme e acabo con maniotas".

Tras probar o crossfit e o kick boxing, Tania, que é unha asidua do ximnasio, recorre a un entrenador persoal para facer circuítos de exercicios nos que "durante 45 minutos" mantén "as pulsacións arriba". "É coma o crossfit pero sen coller moito peso. Para min, á hora de bailar e cantar na orquestra é mellor isto que facer máquinas, pois controlo ben a respiración", explica esta profesional, que prefire facer deporte cun guía porque lle presta que a leven "ao límite".

Máis que por coidar o físico, a cantante busca o benestar mental que lle produce o deporte. "Séntame moi ben. Iso que din a respecto de que segregamos endorfinas é verdade. Saio do ximnasio con outra mentalidade. Procuro ir máis nos días en que teño máis ansiedade". A única época na que salta estas rutinas é o verán, pois entón toca bailar e cantar a diario "tres horas".

Polos seus problemas dixestivos, esta ordense evita os fritos, a lactosa e o glute. "Se saio comer fóra con amigos, intento adaptarme porque me gusta comer de todo". Malia que se confesa "vaga" Ã¡ hora de facer de comer, pois prefire deixalo nas mans doutra persoa e "recoller despois a cociña", confesa que a lasaña lle sae "espectacular". "Os meus amigos téñenme dito que é a mellor do mundo", di entre risas.

Comentarios