A UVigo facilita wifi a alumnos illados ou con problemas de conexión

Un ordenador conectado á web da Universidade de Vigo. UVIGO
photo_camera Un ordenador conectado á web da Universidade de Vigo. UVIGO

A Universidade de Vigo enviou dispositivos Mifi, uns pequenos router con Wifi, a máis de 200 estudantes con problemas de conexión nos inmobles nos que están a pasar o confinamento.

Segundo explica a institución académica, trátase de dispositivos 4G, con 100 gigas mensuais e cun período de uso de catro meses, prorrogables outros dous. O seu envío aos alumnos culmina un proceso que comezou hai máis de mes e medio, cando a UVigo abriu un período para que o alumnado con problemas de conectividade trasladase a súa situación aos decanatos e direccións dos seus centros.

Todas as peticións recibidas foron remitidas, tras un estudo preliminar, á Vicerrectoría de Ordenación Académica e Profesorado, onde se analizaron, e posteriormente contactouse co alumnado que as realizou para avaliar se procedía atendelas.

"Intentamos dar resposta a aqueles estudantes que non teñen nada, porque noutros casos teñen a opción de falar coas súas compañías de telefonía para que lles melloren o servizo", apunta José Luis Míguez, vicerreitor de planificación e sustentabilidade, quen subliña a gratuidade deste servizo ata o período de exames.

O reitor, Manuel Reigosa, sinalou nun escrito remitido ao alumnado que recibiu os dispositivos que espera que con eles poidan seguir o curso o mellor posible dentro das dificultades que todo o mundo está a ter.

Comentarios