Villares rebate, aos que buscan unha ruptura, coa "unidade" de En Marea

O líder da formación confía en poder chegar a un entendemento nalgúns municipios nos que a fragmentación de cara ás municipais xa parece clara como é o caso de Lugo, Ferrol ou Pontevedra

O portavoz de En Marea, Luís Villares, durante o almorzo con xornalistas, este xoves en Santiago de Compostela. LAVANDEIRA JR (EFE)
photo_camera O portavoz de En Marea, Luís Villares, durante o almorzo con xornalistas, este xoves en Santiago de Compostela. LAVANDEIRA JR (EFE)

O portavoz de En Marea, Luís Villares, fixo este xoves un chamamento á unidade do espazo máxime ante as eleccións locais do próximo maio e alertou sobre os que antes predicaron acerca de "a unidade do rupturismo e agora predican sobre o rupturismo da unidade".

Nun almorzo informativo, o líder da formación –que recentemente revalidou o seu cargo nunhas eleccións que un sector do partido non acepta–, situou nos comicios locais da próxima primavera o reto principal da confluencia, polo que debe ser encarado desde a unidade e non coa presentación de varias listas do mesmo espazo nun concello.

Neste sentido, e aínda que admite que o "espazo municipal sempre se prestou a máis desencontros" en termos electorais, Villares fixo un chamamento a concorrer de forma conxunta xa que, para desbancar ao PP dos gobernos, "o que non pactemos antes, ímolo a ter que pactar despois", así que "por que non facelo antes?", preguntouse

Espera, por tanto, que o escollo para concorrer baixo un mesmo paraugas electoral non se atope na configuración das listas, e, ao fío deste apuntamento, advertiu a "aqueles que desde a cúpula dalgún partido están a buscar postos de saída nas candidaturas municipais" xa que, con esa estratexia, ao seu xuízo equivócanse: "Isto non funciona así, deberían sabelo".

Villares: Quen queira postos de saída que se presente ás primarias

Por iso, "quen queira postos de saída que se presente ás primarias", incidiu Villares, que subliñou que a intención do partido é presentarse nun total de 150 concellos, o que representaría ao 70 ou 80% da poboación galega, feito que suporía un ascenso importante da formación no ámbito local e referendaría o "asalto importante" que as mareas municipais fixeron dalgúns concellos galegos.

Por iso, aínda confía en poder chegar a entendemento nalgúns municipios nos que a fragmentación xa parece clara como é o caso de Pontevedra, Ferrol ou Lugo.

Baixo esta premisa, o portavoz de En Marea volveu a manifestar o seu desexo de amparar ás plataformas locais, entendendo que "non ten sentido un municipalismo fóra dun proceso nacional, sexa cal for o proxecto nacional", polo que sería bo que as candidaturas locais se identificasen con En Marea, tamén en aras de conseguir unha maior representación nas deputacións provinciais.

Considerou que a pesar de que se debe camiñar cara á supresión das deputacións tal e como se coñecen hoxe en día, a situación actual revela unha "dependencia enorme" dos concellos pequenos e medianos cara a estas institucións polo que obter representación nas mesmas sería importante, e En Marea é a "ferramenta para optimizar a confianza electoral" que o permitiría.

Separados, "iso é evidente, perdemos forza", remarcou Villares, que abre os brazos a unha reconciliación con algúns dos representantes do sector crítico como os alcaldes da Coruña e Santiago, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega, respectivamente.

Nós non cargamos contra Podemos, a dirección de En Marea non carga contra Podemos

PODEMOS. Deste xeito, tamén rexeita que os proxectos de En Marea e Podemos sexan incompatibles, e non entende que se deslice esa aseveración nin a que "intereses obedece esa manobra".

Por iso, o seu chamamento á "responsabilidade" por parte da formación morada é claro xa que "romper o espazo sería unha absoluta torpeza e irresponsabilidade que non perdoaría politicamente a cidadanía de Galicia", algo que tanto Pablo Iglesias como Antón Gómez-Reino deberían ter en conta.

Con estas declaracións, dixo Villares, "nós non cargamos contra Podemos, a dirección de En Marea non carga contra Podemos", pero "falamos moi concretamente da cúpula de Podemos, de quen se pensou que as bases de Podemos eran simples brazos de madeiras" e equivocáronse porque "aquí non hai mesías nin obediencias cegas".

Comentarios