O xulgado prohibe aos Franco mover bens do pazo de Meirás e ordena un inventario

Estima as medidas cautelares solicitadas polo Estado
Pazo de Meirás.CABALAR (Efe)
photo_camera Pazo de Meirás.CABALAR (Efe)

O xulgado de primeira Instancia número 1 da Coruña prohibiu á familia Franco "trasladar ou retirar ningún tipo de ben do pazo de Meirás" mentres se realiza un inventario, segundo informan fontes xurídicas. 

A titular do xulgado, Marta Canales, estima a petición de medida cautelar realizada este luns polo Estado, apoiada tamén pola Xunta, e acorda a realización dun inventario que abarque a totalidade dos bens existentes, tanto no interior como no exterior do pazo. O rexistro, que se elaborará coa colaboración dos técnicos da Consellería de Cultura, comezará a realizarse o 11 de novembro ás 10.30 horas, baixo supervisión da comitiva xudicial. 

Para garantir o cumprimento da resolución, o xulgado requiriu á Garda Civil que estableza un dispositivo de vixilancia no inmoble, xa que ata que o documento non estea finalizado e a xuíza o autorice expresamente, a familia Franco non poderá trasladar nin retirar ningún tipo de ben do recinto. 

A maxistrada recorda que o pazo foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 2008, polo que "goza dunha protección integral", que, tal e como advirte o Estado, "esténdese a todos os seus elementos e compoñentes". 

Ademais, entende que é "patente" a urxencia de adoptar a medida cautelar, solicitada polo Estado tras facerse público que a familia Franco contratou unha empresa de mudanzas para retirar de xeito inminente os bens do pazo. 

Así, a xuíza tamén subliña no auto que o xulgado "debe velar pola integridade do ben e a efectividade práctica da sentenza", no caso de que a execución provisional, que se fará efectiva coa orde de entrega do pazo o 10 de decembro, "chegue a converterse en definitiva". 

O Estado asegurou que a "inmediata" realización dun inventario é "necesaria" debido á "celeridade con que os demandados pretenden proceder ao baleirado do pazo de Meirás" e ao "risco" de que un edificio "coas súas especiais características e nivel de protección, sexa baleirado sen ningún tipo de constancia dos bens que se atopan no seu interior". 

O xulgado tamén aceptou a solicitude da Xunta de personarse no incidente aberto por mor da petición de medida cautelar, xa que o Goberno galego asegura que se ve na obriga de instar as medidas necesarias para a adecuada protección do Ben de Interese Cultural, coa finalidade de impedir, ata ese día, calquera actuación dos executados que supoña un risco para a conservación" do inmoble. 

Feijóo confirma a urxente declaración como BIC da biblioteca de Pardo Bazán
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este luns que a Xunta dará resposta á petición realizada pola Real Academia Galega (RAG) e iniciará "de forma urxente" o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, segundo informa o Executivo autonómico nun comunicado.

A valiosa colección da escritora coruñesa inclúe tanto os máis de 7.000 fondos que xa custodia a RAG na biblioteca e arquivo da súa sede da Coruña, como os ao redor de 3.000 volumes localizados no pazo de Meirás.

Feijóo fixo este anuncio durante a reunión que mantivo co presidente da RAG, Víctor Freixanes, á que tamén asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

Con esta decisión, a Xunta considera no seu conxunto todos os fondos da biblioteca que a día de hoxe están distribuídos en varios emprazamentos e blindará xa de forma provisional a protección xurídica desta colección ao alcanzar o máximo nivel de tutela previsto na lexislación vixente.

Comentarios