Oito mulleres acusan a Morgan Freeman de acosalas

Todas as denunciantes son profesionais de diferentes ámbitos do mundo do cine e o entretemento

Morgan Freeman.EFE
photo_camera Morgan Freeman.EFE

Oito mulleres pertencentes á industria do cinema acusaron este xoves ao actor estadounidense Morgan Freeman de comportamento indebido nunha reportaxe publicada pola cadea CNN.

"Calquera que me coñece ou que traballou comigo sabe que non son alguén que ofenda intencionadamente ou faga sentirse mal aos demais á mantenta", dixo o actor nun comunicado. "Pido desculpas a quenquera que se sentiu incómodo ou crea que lle faltou ao respecto", agregou.

Entre os casos citados por CNN está o dunha nova asistente de produción que comezou a traballar no verán de 2015 no estudio da comedia Going in Style, unha cinta protagonizada por Freeman, Michael Caine e Alan Arkin e segundo a cal o que cría o traballo dos seus soños derivou en meses de acoso por parte do actor.

No seu testemuño, acusa o actor de tocamentos indeseados e comentarios diarios sobre a súa figura e sobre a súa vestimenta. Nunha desas situacións, Freeman tratou de levantarlle a saia en varias ocasións mentres lle preguntaba se levaba roupa interior.

Arkin pediulle que parase e Freeman sorprendeuse, sen saber como reaccionar, segundo o relato da muller.

O ocorrido levou á moza a abandonar a industria do cinema.

"Eran comentarios constantes sobre o meu aspecto", sinalou a muller, que a miúdo volvía a casa entre bágoas.

Outra muller sostén que Freeman a acosou a ela e á seu asistente no set da cinta de roubos Now You See Me ao facer numerosos comentarios sobre o seu corpo.

"Sabiamos que se ía estar por alí non debiamos levar pezas que mostrasen os nosos peitos, os nosos traseiros... É dicir, non debiamos levar nada axustado", indicou.

Mesmo tres xornalistas do mundo do entretemento aseguran recibir comentarios inapropiados por parte do intérprete durante os chamados junkets, días de atención aos medios antes da estrea dunha cinta.

En total, oito mulleres denunciaron o trato de Freeman como acoso sexual ou, polo menos, comportamento indebido, xa sexa á hora de promover as súas películas, no estudio e mesmo na súa produtora, Revelations Entertainment.

Polo menos catro persoas que traballaron en tarefas de produción de cintas de Freeman ao longo da última década indicaron que ese comportamento ocorría "repetidamente" de maneira que facía sentir incómodas a moitas mulleres.

O oito mulleres aseguraron que nunca fixeron públicas as súas queixas por medo a perder os seus postos de traballo. 

Comentarios