martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

Cinco feridos tras o enfrontamento entre Policía local da Coruña e o colectivo A Insumisa

A Policía Local disolve a concentración convocada ás portas da antiga Comandancia de Obras da Coruña. CABALAR (EFE)
A Policía Local disolve a concentración convocada ás portas da antiga Comandancia de Obras da Coruña. CABALAR (EFE)

Decenas de persoas tentaron acceder ao inmoble despois de que o Goberno local comunicase que daba por recuperado o espazo e procedía ao seu desaloxo

Polo menos cinco persoas, deles dous axentes da Policía Local e tres membros do colectivo A Insumisa, resultaron feridas nun enfrontamento este mércores ás portas da antiga Comandancia de Obras da Coruña.

O enfrontamento produciuse este mediodía ao crecer a tensión entre as decenas de persoas que tentaban acceder ao inmoble despois de que o Goberno local comunicase nunha conferencia de prensa que "daba por recuperado" o espazo e procedía ao seu desaloxo.

Durante o altercado dous membros do colectivo conseguiron subirse ao tellado das instalacións onde aínda permanecen.

A Comandancia de Obras permanece custodiada por polo menos unha ducia de axentes, entre Policía Local e Policía Nacional que impiden, por outra banda, que se lles forneza auga ou froita ás dúas mozas que se atopan na cuberta do inmoble.

O avogado do colectivo A Insumisa, Antonio Vázquez, denunciou "a carga desproporcionada" de axentes da Policía contra varias persoas, con "golpes na cabeza, cando este tipo de golpes están absolutamente prohibidos". Vázquez tamén denunciou a prohibición de fornecer froita ou auga ás mozas que permanecen no tellado.

De feito durante a tarde o medio centenar de persoas alí concentradas lanzaron botellas de auga e pezas de froita, para que as mozas puidesen resistir as altas temperaturas desas horas.

A opinión do avogado, o desaloxo da Comandancia de Obras é "absolutamente ilegal" e a Administración actúa "fóra da normativa xurídica porque non respectou o procedemento".

Vázquez asegurou que a persoa á que o pasado 27 de abril se lle notificous o desaloxo da Comandancia de Obras foi elixida de maneira aleatoria pola Polícia local e sinalou que nin tan sequera se atopaba dentro das instalacións.

O avogado do colectivo explicou que esa persoa comunicou que non se daba por notificada posto que non se atopaba ocupando o espazo e que por tanto non podía facer nada polo desaloxo.

Entre o medio centenar de persoas concentradas ante a Comandancia de Obras escoitáronse voces de protesta pola maneira de actuar do Goberno local.

As mesmas voces increparon en numerosas ocasións aos axentes por impedirlles achegarlles auga ou froita ás novas.

Pola súa banda, o Concello aínda non se pronunciou sobre estes feitos acaecidos durante a xornada.

Cinco feridos tras o enfrontamento entre Policía local da Coruña e...
Comentarios