Opinión

A descuberta de Albino Fernández

Vinte anos leva o Museo de Gravado de Ribeira artellando, non só unha das máis interesantes colecións desta técnica, senón tamén amosando obras que explican posicionamentos e derivas de autores de antes e de hoxe. A mostra adicada a Albino Fernández é un bo exemplo dese labor.

O CENTENARIO do seu nacemento Albino Fernández convértese no protagonista dunha interesante mostra que ten moito de descuberta dun personaxe así como de esculca nunha obra dunha enorme modernidade e abraiantes posibilidades que podemos coñecer ben a fondo no Museo do Gravado de Ribeira, baixo o comisariado de Carlos L. Bernárdez.

Nacido en Cuba, aos oito anos, en 1929, levárono á aldea paterna de San Pedro de Viana en Chantada. Os pais emigran a Arxentina e, catro anos máis tarde, Albino chega a Bos Aires. Aquela era a Arxentina de Perón, con fondas simpatías pola ditadura franquista, e con toda unha colonia cultural galega alí asentada, con nomes como Rafael Dieste, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Otero Espasandín ou Luís Seoane. A contemporaneidade artística porteña movíase entre a vangarda abstracta e os realismos de entreguerras, con fondas preocupacións sociais. Nomes como Antonio Berni, Spilimbergo ou Castagnino marcaban os pasos dos novos creadores. Albino Fernández ingresa en 1940 na Academia Nacional de Belas Artes con mestres como Antonio Berni ou Spilimbergo. "O home vale polo que representa, polas súas obras, polos ideais que sustenta, polos seus actos en relación ao medio social en que actúe e polo ben que aporte á comunidade". Así falaba Spilimbergo nun acto de lembranza ao seu discípulo Albino Fernández.

Tampouco debemos esquecer neste momento de achegas o papel do gran Torres García, figura esencial para entender a plástica no Cono Sur nos anos 50, na que a abstracción xeométrica e construtiva intregaba no seu discurso trazos vencellados á estética precolombina. As súas primeiras paisaxes urbanas, vencelladas ao ambiente portuario, están nunha liña moi próxima as que por aquel tempo facía o mesmo Luís Seoane ou o propio Torres García. Obras cunha fonda compoñente social nas que a xeometría se encamiñabase cara a unha abstracción formal. Un fondo humanismo comeza a encher as súas obras, sendo esta a súa maior característica na década seguinte. Os títulos, reveladores todos eles de cada un dos momentos, son tamén unha boa clave das súas intencións. Así nos anos 50 atopamos Opresión ou Canto ao aceiro; mentres nos 60 temos títulos como Canto a España, Canto negro, A balada do home, A paz, O berro ou Os monstros.

Ingresa como docente na Escola de Artes Gráficas, na Escola de Belas Artes e no Instituto Arxentino de Artes Gráficas, poñendo en marcha o Clube da Estampa en 1965, reunindo nel aos máis sobranceiros gravadores do momento e consagrándose a esta disciplina artística por completo. Unha técnica que permitía unha importante difusión de continentes e contidos entre o público, valorizando a cultura plástica arxentina. En 1963, volve a Galicia, tal e como nos conta o comisario da mostra no texto do coidado catálogo publicado para esta ocasión, nun ambiente no que encaixa o seu informalismo co que tamén acontecía en España. Intelectual comprometido co seu tempo toda a súa obra xira arredor dese compromiso vital vencellado ao ser humano e tendo sempre ben presente a súa orixe galega.

A mostra no Museo do Gravado de Ribeira permite recuperar a través da súa obra, dos seus gravados, xilografías que, como afirma Pastor Rodríguez, o director deste Museo, "é a técnica máis antiga no mundo da estampa, quizais a primera técnica de reprodución masiva, a primeira que chega ás masas" e que no caso do noso protagonista suliña "a súa capacidade de síntese, a creatividade vangardista, a expresividade do seu trazo e o xogo de mancha e baleiro".

Fillo da emigración galega Albino Fernández, que faleceu en 2014, é un de tantos nomes pouco coñecidos que desenvolveron a súa vida alén da nosa terra. Alén no físico, aínda que a súa alma e paixóns estivesen sempre vencelladas a Galicia. As súas conexións con importantes persoeiros da nosa cultura, e esa permanente atención á terra familiar, converteron a Albino Fernández nun nome máis a descubrir e poñer en valor no noso ronsel creativo. Mostras como esta, máis alá do seu indudable valor artístico e estético son tamén unha necesaria luz fronte a escuridade do esquecemento.

Comentarios