Opinión

As festas equivocadas son as máis divertidas

Fran Lorenzo é un punto de vista. Sabe saír de si mesmo e verse falando con outra persoa, como se existise a alma e a alma levase o cerebro canda si fóra do corpo. Ese privilexio, singular e escaso, caracteriza os columnistas de talento. Permítelles falar dos outros cando parecen estar falando sobre si mesmos.
Fran Lorenzo. MARIÑA FERNÁNDEZ TESTAS
photo_camera Fran Lorenzo. MARIÑA FERNÁNDEZ TESTAS

A  festa nunca é equivocada para Fran. Era o rapaz que se ancoraba na parede coa fin de observar os convidados bailando, falando, fumando en interiores, sorríndose, acariñándose o cóbado. Nacido en 1973 en Vigo foi un adiantado ao seu tempo porque non tivo aldea. Todo galego posúa unha aldea, un sitio ao que volver nas vacacións para andar na bicicleta e subir ás árbores; onde hai unha casa vella na que viven os seus avós, que son uns seres de vidas limitadas e que falan nunha lingua con obsolescencia programada.

Fran criouse nunha cidade industrial, nun Vigo arrasado polos peches de industrias avariadas, entre as barricadas e os concertos no Kremlin e o Ruralex. Medrou entre consignas pintarraxeadas nas paredes de Vulcano para comezar revolucións adiadas unha e outra vez, e os pés de foto que ornamentaban o ¡Hola!. Leo en Memoria do Vigo proletario, que publica Galaxia polos cincuenta anos da folga xeral do 72, os debates sobre o entrismo troskista, ese quinta columnismo que en Galicia foi calmado e piñeirista. Un dirixente vello da CNT discute cun camarada: "Víctor era partidario de meterse no Sindicato Vertical e eu no estaba de acordo. Pero el era xa da nova xeración. Eu contesteille que só iría ao Vertical cunha tea queimar todo aquilo".

Os tempos eran ásperos e sucios, manchados pola ditadura, tan sumisamente respaldada polos españois. O sindicalista Suso Díaz lembra a cruzada paralela que se desenvolvía en Ferrol.
—Os compañeiros de Bazán estaban negociando un convenio de empresa, e nesa pelexa por un convenio digno, cando xa levaban varios días de folga, un día non lles deixaron entrar na empresa. Marcharon cara a Astano para pedir a solidariedade dos que traballabamos alí, e ao chegar ás Pías a Policía empezou a disparar e mataron dous deles.

Suso Díaz sitouse a corpo aberto na protesta consecuente. Foi multado. Negouse a pagar. Acabou no cárcere. Unha tarde un garda da cela levoulle da man unha cativa dun ano. Era a filla Yolanda, agora ministra de Traballo. Fran Lorenzo traballa no seu servizo de prensa. A vida acaba conectando todos os cables. Así que, dende hai seis anos, escribe en Madrid para que outros publiquen; pero tamén escribe para si mesmo, sen publicar.

A festa equivocada é un traballo de editor clásico que fixo Carlos Meixide a golpe de xornadas na hemeroteca para desandar o camiño columnístico de Fran Lorenzo entre 2003 e 2010

Morto o Ferrolanísismo en 1975, a tensión volveu de xeito recorrente. Vigo continuou sendo un ámbito laboralmente exacerbado e belicoso ata ben asentados os anos 90. Despois, empezou a festa dos 2000 que continuaría durante oito anos, cando nos interromperon o subministro de luz por falta de pago. Houbo inquilinos que se lanzaron ao patio de luces porque non podían pagar a casa, que elas pensaran que era, literalmente, a súa casa. A química da vida non produce fórmulas exactas, senón camuflaxes estranxeiros.

María Yáñez prologa A festa equivocada (Rodolfo e Priscila), unha recompilación de artigos na que Fran Lorenzo explica ese ambiente no que pasou de neno amozo. A autora do limiar entende que "podería ser un Truman Capote do noso tempo e lugar se fose no fondo un atormentado, máis os petiscos autobiógráficos que nos brinda nos seus artigos lévanos a unha infancia razoablemente feliz cuns referentes familiares deses que un aprende a admirar co tempo" e que se desenvolven entre "a vida cotiá de revistas con Yves Sant Laurent canda os paquíns da loita obreira do Vigo dos anos 70".

Para María Yáñez, esa infancia resplandecente e inofensiva acentou que o columnista vigués tivese "unha ollada dandi, urbana e queer, que non é habitual nas nosas letras". Reflexiona que "a pouca crónica social que se facía nas nosas letras era case sempre desde o humor, como collendo distancia, aínda sabendo que o espírito dun tempo o captan as aparentes frivolidades: o vestir, o alternar, o facer vida doméstica e en sociedade". Pero Fran Lorenzo evitouse a fácil burla, tomándoas en serio. "Non son un recurso retórico para alixeirar un texto. Son parte da vida mesma, coma Fraga, Fassbinder, a tía Clara, Lupe Gómez ou Madonna". Ese punto de vista, tan rigoroso e tan fondo, soamente é posible de lograr de concebir a columna como Fran Lorenzo: "Unha escrita na que só quero vivir de alugueiro, sen compromiso, alleo aos seus enganos, cun pé na porta para abandonar a escena en canto a palabra non me conmova ou non sexa certa".

A festa equivocada é un traballo de editor clásico que fixo Carlos Meixide a golpe de xornadas na hemeroteca para desandar o camiño columnístico de Fran Lorenzo entre 2003 e 2010. Hai que querer e admirar notablemente a unha autor para indagar en sete anos dos seus textos.

A mocidade hai que saber vivila porque podes arrepentirte o resto da vida. A xuventude é un cemiterio nuclear que irradia sen fatiga

Marcharon doce anos desde que Fran quitou os zapatos para non facer ruído e abandonou a festa. Gústame cómo o explica cun verso de Paloma Sanbasilio: "La fiesta terminó", así de rotundo e elemental. Lembra o guateque co que Santiago empezou o século cun asombro que soamente pode nacer da desaparición. Falamos sobre esa cuestión:
—A actividade cultural de Compostela neses anos foi impresionante e non a valorabamos, Jaure. Foi un curso de formación estendido. A cultura era a miña vida e o meu traballo. Pero o oficio de xornalista é subalterno aos feitos e á linguaxe. No periódico tiña que ser obxectivo e nas columnas soltaba o meu criterio. Eu daba o mesmo peso e un valor igual a todo o que escribía no xornal, pero os ritmos de traballo da información non me permitían facer o que quería. Aínda que aprendín un rigor e unha claridade que exportaba aos meus textos máis persoais.

Cando es novo non dás administrado o infinito e intranxisente afán de divertirte, de sentir os latexos no corazón do guateque. A mocidade hai que saber vivila porque podes arrepentirte o resto da vida. A xuventude é un cemiterio nuclear que irradia sen fatiga. Debe ser selado coidadosa e hermeticamente para que non moleste co seu ruído durante as décadas que a continúan. Fran Lorenzo soubo ver o momento en que a festa rematara, soubo despegar a sola do zapato da parede e enfiar a saída. El percibiuno cunha dureza e melancolía: "A policía moral entra pola porta e disolve a concentración. Os anfitrións, avergoñados. Préndense as luces, acálase o barullo. Saída de escena dos personaxes, con aspecto derrotado e vasos de plástico na man. Fin. Era unha festa, desde logo, pero a festa equivocada".

Esa amargura non evita que confese que "sentirse na festa equivocada é tamén un xeito de encarar a existencia ou a profesión. Unha actitude recatada, algo culpable, na que conflúen máis interrogantes que certezas. A sensación de estranamento, de non pertenza, a disociación, a natural prudencia do acabado de chegar,... Nada diso me impediu participar da celebración, divertirme en definitiva. Na vida e na escrita, que para min veñen sendo o mesmo. Por iso, a festa equivocada é sempre, malia todo, a miña festa".

Hai un artigo que Fran Lorenzo escribe próximo ao pasamento de Yves Saint Laurent, aínda confuso na decepción. Rememora que gardaba recurtes de modelos pasando os seus deseños dos anos 70 nunha caixa de habanos. "Cando souben da morte do mestre Yves veume polo aire un recendo a tabaco moi denso, un resplandor de seda azul e a saudade dun tempo definitivamente perdido".

Comentarios