Opinión

Laxeiro entre dúas almas

José María Barreiro e Antón Pulido propoñen na Fundación Laxeiro de Vigo un diálogo dende as súas respectivas obras pictóricas para facer da cor e dos seus sensuais traballos unha homenaxe ao vello mestre, co que eles mesmos mantiveron unha fonda relación de amizade.
exposición Laxeiro

A pintura volve a non entender de tempos. A converter o seu exercicio en moito máis que un feito plástico, volvéndose unha sorte de compromiso entre xeracións e de complicidades dende o desafío do cadro. Laxeiro, a quen este ano a Real Academia Galega de Belas Artes adícalle todo un ano de celebracións, José María Barreiro e Antón Pulido establecen un triángulo de afinidades na sala anexa ás que na fundación do pintor lalinense en Vigo acollen unha boa escolma da súa obra que un non se cansa de visitar unha e outra vez.

Alí, xuntos, semellan volver aos vellos tempos, a cando compartían momentos de exposicións e de tabernas, de olladas cara a arte e de faladoiros nos que todo tiña cabida. Laxeiro converteuse ao longo da súa vida nun ronsel creativo e vital polo que moitos outros creadores atoparon respostas ás súas inquedanzas. Hai quen as agocha, tentando borrar pistas da súa inspiración ou influencias nas súas pinceladas, pero tanto Barreiro como Pulido, ben ao contrario, sendo algo que os honra a ambos, converten todo aquel tempo vivido en parte do que eles mesmos son agora, isto é, dúas das obras máis importantes da nosa plástica, na que, tando dende o formal como dende o conceptual, ese ronsel do creador de Trasmundo non fai máis que reafirmar o valor das súas propostas creativas.

Unha creatividade que parte en todos eles da experiencia vital, do goce da existencia e da súa posibilidade para poder transmitila ao espectador. É por iso que as obras de todos eles transmiten a ledicia do feito de vivir, potenciado polo uso da cor e por unha musicalidade rítmica que xorde do interior do cadro. Se ben Barreiro atópase máis cómodo no ámbito figurativo, no caso de Pulido este decántase máis nos últimos tempos, e así o confirma nesta ocasión, polo mundo da abstracción, pero ambos, coa súa obra enfrontada a cada lado da sala e a moi pouca distancia, conseguen que ambas sensibilidades se mesturen e o espectador sexa quen case de formar un cadro de Laxeiro coas súas respectivas propostas. Un cadro no que moitas veces eses ámbitos da abstracción acollían todo o seu infindo universo figurativo, cheo de lendas, mitos e representacións da nosa identidade, á que nunca renunciou como parte do que el mesmo era.

Un poema para Laxeiro, título da mostra comisariada por Antón Castro, bo coñecedor de todos eles, é, precisamente iso, un poema polifónico que homenaxea ao mestre da pintura pero tamén ao amigo, ao colega que tantas ensinanzas deixou. Tanto Barreiro como Pulido converten o seu expresionismo pictórico nunha manifestación cómplice do feito de pintar, unha aperta sen data ao Laxeiro que fixo da superficie do cadro un recinto de experimentación no que converte a realidade no seu propio universo, e onde paixóns e emocións vencéllanse a unha temática determinada.

As tres grandes pezas de Pulido, feitas para a ocasión: Laxeiro e Oroza en Cabalum, No paraíso do Trasmundo e Laxeiro no Marquesado de Romea, son unha achega de primeira orde a Laxeiro, un fío directo que, dende as manchas establecidas pola cor, a planitude das súas formas e os seus ritmos, permiten compoñer toda unha sinfonía de cores que converten cada lenzo nunha loubanza a aquela obra pero tamén a como Laxeiro tecía diferentes redes de afectos a persoas, mitoloxías e xeografías. A proposta de Barreiro acubilla no seu interior todo un universo de experiencias que teñen que ver coa paisaxe, a música e as persoas, e cómo deses encontros xorde todo o realmente importante na vida, como é o seu goce, a súa exaltación como pracer que lle dá o maior sentido as capacidades do ser humano. Os cadros de Barreiro son sempre auténticas fiestras abertas cara a vida e nas que asomarse supón facer da pintura unha experiencia sensorial entre máxica e terapéutica polo que ten de regalía.

E así, entre cadros de hoxe e cadros de onte, Laxeiro, Barreiro e Pulido volven a atoparse baixo o ceo de Vigo, coas Cíes como testemuñas dunha amizade que atopou na arte o sintagma dunha vida capaz de ser compartida, incluso máis alá da morte, dende a eternidade da pintura.

Comentarios