Opinión

Dende o cárcere

Como nos prometeu Enzo Traverso nunha nota a rodapé do seu Revolución. Unha historia cultural, temos unha nova edición dos Cuadernos de la cárcel de Antonio Gramsci, feita por Antonio Antón e Anxo Garrido na Editorial Akal. Está na rúa o primeiro dos tres volumes, que abrangue os Cadernos I a V, e agardamos como auga de maio os outros dous, para completar unha necesaria reedición dunha obra fundamental para a filosofía do século XX —en particular a do marxismo—.

A desgraza e o paradoxo é que Gramsci acadou o seu posto senlleiro na filosofía, a historia e a crítica literaria —como pouco— grazas a esa estadía no cárcere. Nacido na pobre illa de Sardeña e eivado dende a infancia por un accidente e unha enfermidade, acadou grazas ao poder da súa mente os postos máis altos na esquerda italiana. Xusto despois enviouno ao cárcere Benito Mussolini, cunha nefanda frase do seu fiscal: "Temos que impedir que ese cerebro pense durante os vindeiros vinte anos".

O réxime fascista conseguiu exactamente o contrario. De ter permanecido en liberdade, Gramsci tería intervido dun ou doutro xeito nas purgas estalinistas, na transformación do bolxevismo, quen sabe se na Segunda Guerra Mundial e no eurocomunismo: dificilmente as súas ideas teóricas terían aturado o enfrontamento cunha realidade tan convulsa. O cárcere quitoulle a liberdade, os medios para desenvolver parte do seu traballo intelectual —cada pouco tempo lémolo anotando que ten que consultar este ou aquel libro— e, finalmente, a vida... pero formou tamén parte do seu camiño á inmortalidade.

Nos cadernos contidos por este volume, correspondentes ao período 1929-1932, non imos atopar demasiado sobre o concepto gramsciano máis manexado e coñecido, o de hexemonía. De feito, nos primeiros cadernos son máis importantes —ou, polo menos, máis abondosos— os textos dedicados á crítica cultural da Italia fascista, coa fortísima pegada do catolicismo —os que Gramsci chama os sobriños do pai Bresciani; mediocres novelistas e xornalistas de época, agora esquecidos, coa excepción de Papini— e a influencia omnímoda de Benedetto Croce, conservador e esteticista, némese intelectual do noso protagonista.

En canto aos temas políticos, sempre ben introducidos polos editores, que ademais fan un traballo excelso de roza e clasificación dos materiais, o lector non especialista nas ideas marxistas —ou sexa, case que calquera arestora— vai quedar impresionado sen dúbida pola capacidade de Gramsci para predicir o futuro dende as escuras celas do fascismo mussoliniano: o desenvolvemento do capitalismo fordista e as súas consecuencias para os traballadores, a necesidade dunha Unión Europea forte e cun eixo triangular entre Milán, Berlín e París ou a resurrección ideolóxica de Maquiavelo, fóra das ideas a el asignadas nos séculos anteriores e baseadas no seu cinismo florentino.

A pesares de que as ideas do marxismo teñan desaparecido do escenario electoral, sobreviven no día a día intelectual, grazas sobre todo á importancia do historicismo e a análise sociolóxica para o desenvolvemento de calquera proxecto político, educativo ou cultural. E fano grazas en boa medida a autores como Antonio Gramsci, que souberon adaptalas a tempos moi distintos aos daquela pantasma que percorría Europa. A dificultade obvia da lectura da obra gramsciana —en boa parte pola súa lonxitude, xa que completada a triloxía supoñemos que superará de longo as dúas mil páxinas— vese compensada cada poucas páxinas por unha idea que actúa de faísca na mente do lector e o axuda a comprender o mundo no que se move e como se chegou ata el dende sociedades moi distintas mais historicamente conectadas coa nosa.

Comentarios