Un presunto terrorista mata dous policías e un civil en Lieja

O atacante foi abatido no instituto onde intentou refuxiarse

Un home matou este marte dous axentes de policía e a un pasaxeiro dun coche na cidade belga de Lieja, durante un tiroteo ocorrido sobre as 10.30 horas (08.30 GMT) que a Fiscalía Federal investiga como un presunto caso de terrorismo.

Fontes policiais confirmaron a Efe que outros dous policías resultaron feridos e o autor dos disparos foi abatido por unha unidade da policía local.

Segundo medios belgas como o diario La Libre Belgique, o atacante gritaría "Alá é grande" durante o tiroteo.

O home, nacido en 1982, efectuou os disparos nunha avenida do centro de Lieja (este de Bélxica) tras verse sorprendido nun control rutineiro ás portas do Café des Agustins.

O suposto terrorista desarmou a un dos policías e tras disparar sobre os axentes tratou de refuxiarse no próximo instituto Waha, onde tomou como refén a unha muller da limpeza, que se atopa sa e salva.

O home efectuou os disparos nunha avenida do centro de Lieja tras verse sorprendido nun control rutineiro

O atacante foi abatido pola policía no centro educativo e os estudantes do centro están baixo protección policial sen que ningún deles resulte ferido, informou o Centro de Crise de Bélxica.

A cadea de radio RTL indicou que o individuo saíu este luns de prisión de Lantin, onde cumpría condena por delitos menores e frecuentara" a detidos radicalizados, mentres que a cadea RTBF precisa que non estaba fichado por radicalización.

A avenida na que se produciu o tiroteo pechouse ao tráfico e o alcalde de Lieja, Willy Demeyer, desprazouse ao lugar dos feitos.

O primeiro ministro belga, Charles Michel, dixo en declaracións á cadea RTL que se trata dun incidente "grave" do que se ocupan o ministro do Interior, Jan Jambon, o titular de Xustiza, Koen Geens, e o Centro de Crise nacional, que non elevou a alerta antiterrorista do país, que se mantén en nivel 2 sobre 4.

"En nome do Goberno, todo o noso apoio ás familias das vítimas", agregou o xefe do Executivo.