Andrés Vilán: "Non por dar máis golpes se toca mellor"

Coa experiencia que dan 20 anos de mestre e máis de 600 alumnos, o de Arcade publica o primeiro 'Método de tambor galego'

Andrés Vilán cun dos seus tambores. GONZALO GARCÍA
photo_camera Andrés Vilán cun dos seus tambores. GONZALO GARCÍA

Así que hai un método de tambor galego.

Agora haino (ri). Ata agora non o había.

De onde sae a idea para publicar este libro-CD?

A idea naceu hai moitos anos, igual polo 2000. A xente víñame animando a facelo e insistindo en que non había nada publicado. Máis que alumnos, que tamén, facíano compañeiros músicos e mestres de percusión. É verdade que facía falta un manual onde se explicase a secuencia de aprendizaxe e se definise un pouco a técnica do tambor galego.

E acabou autoeditándoo.

En colaboración coa Asociación de Gaiteiros das Rías Baixas.

Como non había ningún? Falta material de tipo didáctico na música tradicional?

En gaita comeza a haber algo, pero o que é na percusión, non había nada, quitando un libro de Pel & Madeira, de Xosé Lois Romero, que recolle arranxos de pezas tradicionais para tambor e bombo. Por que non había nada? Entre outras cousas porque non eramos tantos os percusionistas galegos como tal. Na maior parte dos sitios, o que daba a clase de percusión era un gaiteiro. A nivel técnico sempre houbo certas carencias en boa parte por iso.

Pero está claro que o libro espertou interese: dende a súa presentación en Lérez levouno por toda Galicia, Lugo, A Coruña, Santiago...

A demanda era moita, iso seguro. Agora quédanos ir a Portugal e a Madrid. Posiblemente quedarán para despois do verán.

Como foi que comezou vostede a tocar?

Eu comecei aos dez anos na agrupación folclórica Celme de Pontevedra. A partir de aí, a miña aprendizaxe, como a de case todos os da miña xeración, foi autodidacta.

Pero xa lle tiraba a percusión?

Si, a percusión en concreto, pero o que me tiraba era a música en xeral. Meus pais contan que me erguía as fins de semana pola mañá cedo para ver uns concertos de música clásica que botaban pola televisión.

Aos percusionistas o que lles gusta é marcar o ritmo?

Evidentemente levar ben o tempo e marcar o ritmo é fundamental. Logo pode haber outras cousas, pero iso é o básico. A principal función de calquera instrumento de percusión e do tambor en concreto, que é o centro da música tradicional galega, é esa: marcarlle o ritmo aos demais. A partir de aí... O tambor ten unha función bastante ornamental, diferente á doutros instrumentos de percusión. Xoga moito coa melodía da gaita.

"O tambor é o centro da música tradicional galega pero, despois, o que manda, implícita ou explicitamente, é o gaiteiro"

 

Non hai gaiteiro sen tamborileiro?

Non debería. Pero haber hai. Aínda que en teoría o que marca o ritmo é o tambor, ao final acabamos indo sempre detrás do gaiteiro.

Así que o que manda é o gateiro?

Implícita ou explicitamente así é.

Vostede forma parte na actualidade do grupo do gaiteiro Óscar Ibáñez. Pero ten tocado con Budiño, Pablo Devigo... Quen é o mellor gaiteiro de Galicia?

Uf, nunca me atrevería a dicilo. Depende de moitas cousas. Falar en termos absolutos é moi difícil. Prefiro non mollarme.

E, se na gaita os referentes son Perfecto Feijoo, Ricardo Portela, os gaiteiros de Soutelo... Quen o son no mundo da percusión?

Son moito máis novos. Poden ter 70 ou 80 anos. Manolo Alonso, Manolo Rin Rin, Ambite, Chuco Estévez...

Todos son homes. Este ano o Memorial Ricardo Portela adícaselle por primeira vez a unha muller: María Grande Sobral, que ademais tocaba o pandeiro.

Si, Maruja das Cortellas.

Que lle parece?

O que pasa é que non é gaiteira. Ollo, non o digo como algo negativo, simplemente o puntualizo: ela era unha pandereteira de Soutomaior, principalmente coñecida por tocar o pandeiro. Precisamente Xabier Díaz penso que lle adica o seu último traballo.

Xa que menciona a Díaz, é un caso curioso o da música tradicional galega na que as pandereteiras son amplísima maioría e os dous de máis sona son homes: o propio Díaz e Davide Salvado.

Si, comentabámolo hai pouco entre algúns compañeiros. Pero o dato é peor: dos dez máis coñecidos, sete ou oito son homes. É moi chamativo porque o 90% das pandereteiras en Galicia son mulleres. E se quitas a Felisa Segade, de Leilía, e a Mercedes Peón... non se coñecen.

Non sobra logo a reivindicación da muller na música tradicional galega que propón o Ricardo Portela.

Non sobra. De feito, eu comezo o libro mencionando a catro mulleres que tocan o tambor, instrumento tradicionalmente masculino, exactamente igual ou mellor que calquera home: Lola Fernández, Nerea Fouz, Lucía González e Lucía Martínez. As cousas van mudando pouco a pouco.

Vinte anos e 600 alumnos despois, cal é a lección máis importante que debe aprender un mozo que queira saber tocar?

Que ten que saber escoitar. Ser consciente do que está tocando e de con quen está tocando. Normalmente apréndese técnica pura e dura, pero non se ensina case nada de como aplicala nunha situación real. E é moi importante saber cal é a túa función no conxunto. Ás veces, en canto hai unha mellora técnica, queres meter 400 golpes por segundo. Hai que acadar unha madurez musical, e tamén da outra, para saber o que tes que facer de verdade. Este non deixa de ser un instrumento de acompañamento. Non por dar máis golpes ou facer 400 redobres vas tocar mellor. Ao contrario.

Comentarios