Unha empresa de software, primeira en España en implantar a xornada de catro días

O obxectivo é favorecer a conciliación familiar dos seus traballadores
Sede de Software DELSOL. EP
Sede de Software DELSOL. EP

Unha empresa produtora de software informático converteuse en pioneira en España en implantar unha xornada laboral de catro días para favorecer a conciliación familiar dos seus traballadores.

Software DELSOL, situada na provincia de Xaén, conta cun persoal de 181 traballadores, que desde o pasado 2 de xaneiro adheríronse a este novo sistema sen que iso repercuta no seu salario.

A súa posta en marcha "custou traballo", segundo dixo a Efe Juan Antonio Mallenco, responsable de Comunicación e Relacións Institucionais da empresa, xa que non existían referentes en España.

Esta medida, explicou Mallenco, é "un paso máis" na política da empresa a favor dos traballadores, unha parte dos cales teñen un período laboral fixo de luns a xoves, mentres que o resto faino por rotación de forma que traballan os catro días, en xornadas de oito horas, sen que se vexa resentido o seu soldo.

Ademais, engadiu, o novo sistema non incidiu no rendemento da compañía que segue funcionando "ao mesmo ritmo de sempre".

Comentarios