
Os gandeiros de vacún de leite ingresaron máis de 731 millóns de euros ata outubro, o que supón un 3 % máis que no mesmo período de 2018, avanzou na mañá deste luns o conselleiro de Medio Rural, José González, durante a súa visita a unha explotación leiteira na localidade coruñesa de Trazo.
Durante a visita Ganadería Bello, o conselleiro destacou o momento de estabilidade que vive o sector, debido ao incremento do prezo do leite e da produción nos últimos meses, segundo informa a Xunta nun comunicado.
En concreto, subliñou a subida de 0,6 céntimos por litro rexistrada en outubro pasado, que é a última cifra oficial coñecida, en relación co mes de setembro, así como o incremento da produción en case 8.000 toneladas no último ano, o que supón un 3,4 % máis.
Neste contexto, referiuse á publicación este luns no Diario Oficial de Galicia da convocatoria das achegas para o fomento da contratación de seguros agrarios, dotadas con cinco millóns de euros para 2020.
Galicia produce o 40 % do leite de todo o Estado e conta con máis da metade das explotacións lácteas do total nacional, polo que o conselleiro valorou este sector como "estratéxico para Galicia".