Traballadores de tendas de Inditex protestan en Arteixo contra o rexeitamento a adaptar os horarios

Na protesta tamén participaron empregados e empregadas de auxiliares de Inditex afectados por un Erte
Protesta de traballadores de tendas de Inditex en Arteixo.CIG
photo_camera Protesta de traballadores de tendas de Inditex en Arteixo.CIG

Traballadores e traballadoras de tendas de Inditex mobilizáronse ante a sede da compañía, no polígono de Sabón, en Arteixo (A Coruña) "contra o cambio unilateral de horarios e quendas", sinala CIG-Servizos, convocante da protesta. 

Na protesta, segundo informa, tamén participaron empregados e empregadas de auxiliares de Inditex afectados por un expediente de regulación temporal de emprego (Erte), como Vero Juncal Mantenimiento, onde está convocada unha xornada de folga para o vindeiro luns. 

"Estes cambios, que foron denunciados pola CIG ante a Inspección de Traballo, afectan tamén ás traballadoras con concreción horaria para o coidado de nenos, o que limita o seu dereito á conciliación da vida laboral e familiar", engade o sindicato. Ademais, indica que "as modificacións de horarios impuxéronse sen negociación nin comunicación previas, sen que Inditex especifique a súa duración".

A protesta contou tamén coa participación de representantes do BNG, entre eles a cabeza de lista da candidatura da formación nacionalista ao Parlamento galego, Xosé Luís Rivas, que alertou dun "Erte encuberto masivo nas empresas auxiliares de Inditex". Xunto a Rivas, estiveron tamén o número tres da candidatura do BNG, Mercedes Queixas, e o portavoz municipal en Arteixo, Xurxo Couto.

Comentarios