Detido un home en Ferrol por colocar un xeolocalizador no vehículo da súa exparella

O arrestado quedou en liberdade con cargos

Axentes da Comisaría da Policía Nacional de Ferrol-Narón detiveron un home de 39 anos por un suposto delito de violencia de xénero por colocar un xeolocalizador no coche da súa exparella. Segundo relatou a Policía Nacional, a investigación iniciouse após a denuncia formulada pola súa exmuller, ao descubrir un dispositivo de localización na roda de reposto do seu vehículo particular. 

Por iso, axentes da Comisaría de Ferrol-Narón realizaron as xestións oportunas para "esclarecer como e quen puxera o localizador". Deste xeito, a Policía descubriu que o dispositivo fora adquirido polo home agora detido. 

O arrestado "estaría seguindo continuamente á vítima, valéndose para iso do devandito artificio para coartar a plena liberdade de movementos da súa exparella, seguíndoa alá onde fose e impedindo un desenvolvemento normal da vida cotiá da mesma", destacan as mesmas fontes policiais. 

O detido foi posto a disposición do xulgado de instrución número 2 de Ferrol —que se encargada dos asuntos de violencia de xénero--, despois do que quedou en liberdade con cargos. 

Comentarios