Sabela interpretará 'Negro Caravel' xunto a Rosa Cedrón nun especial do Nadal de OT

Na gala actuarán os finalistas deste ano, estarán presentes varios concursantes da pasada edición e contará cunha actuación de Luz Casal

Sabela Ramil interpretou 'Negro caravel' o pasado mércores. RTVE
photo_camera Sabela Ramil interpretou 'Negro caravel' o pasado mércores. RTVE

Operación Triunfo (OT) anunciou que reunirá nun programa especial por Nadal aos finalistas das dúas últimas edicións e, así, os concursantes deste ano cantarán unha das cancións que interpretaron durante o programa xunto aos artistas que as popularizaron, e os de 2017 interpretarán os seus temas propios.

Deste xeito, Alba interpretará Je veux coa cantautora francesa Zaz; Julia unirase no escenario con India Martínez para tocar 90 minutos; Famous compartirá tema con César Sampson, representante de Austria en Eurovisión en 2017; Natalia unirá a súa voz Beret en Lo siento; e Sabela cantará Negro Caravel xunto a Rosa Cedrón, informou RTVE.

Pola súa banda, Amaia, Aitana, Alfred e Ana Guerra –Miriam non poderá asistir porque ofrece un concerto ese mesmo día– repasarán co presentador do programa, Roberto Leal, como lles foi este primeiro ano fóra da Academia.

A cantante galega Luz Casal, Medalla Internacional das Artes de Madrid, premio honorífico de Los40 Music Awards e Grammy Latino a toda a súa carreira, será a gran invitada do programa, no que interpretará a canción Miéntem al oído.

Ademais, Los Lunnis, xunto a Gisela, concursante da primeira edición de OT, presentarán a súa nova película, La gran aventura de los Lunnis y el libro mágico, que se estreará en cines o 18 de xaneiro e que conta coas voces de Aitana e Gisela na súa banda sonora.

O talent show de TVE prometeu un programa "repleto de sorpresas e reencontros con moita maxia", e anunciou que o resto dos concursantes da edición 2018 tamén visitarán o programa especial para interpretar o seu himno Somos e Buenas noches.

Comentarios