Opinión

A nosa invención

Despois do Nadal toca explicar a pouca literatura que as leis deixaron viva no sistema educativo. Despois de décadas de desleixo, as miñas adoradas alumnas distinguen perfectamente os libros de literatura dos libros de ler, co que xa imaxinarán vostedes que non están moi dispostas a se mergullar nas complexidades das grandes ideas culturais e estéticas dos pasados séculos.

A pesares das súas reticencias, non poden escapar dunha realidade: o pasado inventounos, a todas e a todos. Posiblemente moi poucos estudantes dos sistemas educativos españois saiban situar Xena nun mapa, só aqueles que estudan Alemán ou Literatura Universal terán escoitado falar de Goethe e só aqueles que progresen –moito– en estudos de letras oirán falar de Schelling ou os irmáns Schlegel. Mais todos eles, e algúns persoeiros máis, xuntáronse nesa pequena cidade de Alemaña entre finais do século XVIII e principios do século XIX e inventaron unha parte fundamental da nosa personalidade: o eu.

"Un e un só e iso ninguén o cambia": son palabras traducidas dun cantante (Andrés Calamaro), non dun filósofo. Escribíronse a principio do século XXI e semellan máis ben simples. Pero, por detrás delas, hai séculos e séculos de reflexión sobre a persoa, de necesidade de emancipación da relixión e de diferenciación da masa, de coñecemento dos sentimentos de toda persoa e da importancia da súa transmisión.

No fondo, de todo isto trata Magníficos rebeldes, de Andrea Wulf, unha das sensacións do último trimestre de 2022 no ensaio en español. Edita Taurus e xoga sobre seguro, pois Wulf xa obtivo un éxito espectacular –e un chisco inexplicábel se coñecemos o mercado español, se me permiten a insolencia– coa biografía do científico e aventureiro Alexander von Humboldt.

O éxito mundial –que non só español– da autora faise notar aquí non longuísimo e en parte prescindíbel limiar, no que se nos dan certas circunstancias persoais que a conectan a ela cos que van ser os seus personaxes. Esta última palabra non está escollida ao chou: Wulf pretende contar a historia do coñecido coma Círculo de Xena, formado polos citados escritores e filósofos e algúns máis... e convertelo nun relato novelesco no que son tan importantes as relacións persoais e amorosas como as ideas literarias e filosóficas.

O triunfo da autora neste obxectivo é evidente e baséase no personaxe máis atractivo do libro, tanto dende o punto de vista intelectual coma dende o amoroso e social: Caroline Michaelis. Filla dun famoso profesor de Gotinga, rebelde con toda conciencia, parella de August Wilhelm Schlegel, tradutora non recoñecida de Shakespeare en Alemaña e, polo tanto, chave para a fama do Bardo en Alemaña, escandalosamente divorciada de Schlegel e primeiro amante e despois esposa de Schelling, o filósofo máis apreciado da época antes de que outro habitante de Xena, Hegel, lle arrebatase tal honra. En tempos de xustas reivindicacións feministas e femininas, a afirmación de que a personalidade de Caroline Schelling reinaba sobre a dos meirandes xenios alemáns do século XIX impresiona ao lector.

Sen tocar os elementos amoroso e epistolar, o ensaio ten un toque ás Amizades perigosas. Os personaxes colaboran, aman, pelexan, reconcílianse, admíranse e ódianse. E, sobre todo, pensan e escriben a uns niveis que fan que as súas obras aínda se lean máis de dous séculos despois. O uso deste molde permite unha lectura moi sinxela a pesares de que as obras nas que se basea a pescuda de Wulf –pensemos na Fenomenoloxía do espírito de Hegel ou no Fausto de Goethe– se atopen entre as máis complexas que produciu a humanidade. Achegarse a elas deste xeito é, polo tanto, achegarnos ao noso propio interior. 

Comentarios