Opinión

Unha bandeira internacional

Pavel Korchagin
photo_camera Pavel Korchagin

HAI UNHAS semanas o galiñeiro pseudointelectual español viuse seriamente alterado pola enésima polémica provocada pola incultura. Víctor Lenore, referente de sabe deus que, escribiu unha argumentada peza sobre «como a dereita roubou a hexemonía no discurso político á esquerda» —as comiñas son miñas—. Que fose argumentado non implica que os argumentos fosen bos: de feito eran lixo para ignorantes. Non podía ser doutro xeito porque Lenore partía dun presuposto: que a esquerda controlaba o discurso cultural das sociedades occidentais. Para quen coñeza a fondo estas sociedades tal idea só pode provocar hilaridade. Non se precisa máis que ler calquera historia do socialismo ou o comunismo para comprobar que isto non é máis ca unha visión deformada, unha esaxeración construída a partires de certos feitos que tiveron lugar entre 1968 e 1989 nun feixe de países e de relatos actuais que en moitas ocasións non respectan a realidade da época tratada.

Un bo xeito de informarse para falar de algo é ler. Por exemplo e neste caso a obra de referencia de David Priestland Bandera roja. Historia política y cultural del comunismo, que reedita nun formato relativamente barato a sempre solvente Editorial Crítica. Mágoa que non se optase por eliminar do subtítulo a parte «cultural», xa que esta só ten unha importancia tanxencial.

Da man de Priestland podemos comprobar algo evidente: con pequenas e moitas veces desafortunadas excepcións
—o Terror na Revolución Francesa, as ditaduras estalinistas e postestalinistas— a esquerda sempre estivo lonxe de dominar a escena política, xa non digamos o discurso. Marx tivo que se exiliar, a Jaures liquidárono ao pouco de empezar a Grande Guerra, Rosa Luxemburg e outros espartaquistas remataron baixo o xeo berlinés, Eugene Debs no cárcere nos Estados Unidos —iso de ser candidato a algo dende a choupela leva décadas inventado...—. Dende a sempre estreita perspectiva dos europeos occidentais, o predominio da esquerda redúcese ao período de entreguerras (Webb, Bertrand Russell, Andre Gide) e a unha posguerra na que resultaba evidente que non se tería vencido ao nazismo sen o sacrificio de millóns de soviéticos.

Onde fracasa o chimpo argumental é en pensar que os discursos da sociedade inglesa ou francesa dos anos 20, da sociedade italiana dos anos 40 ou da sociedade da RFA durante os atentados da Baader Meinhof —ou Fracción do Exército Vermello para ser máis rigorosos— eran esquerdistas. Grazas a certos buscadores podemos agora ter acceso a hemerotecas antigas e comprobar o obvio: a comunicación sempre pertenceu ádereita e só dende a nosa perspectiva podemos ver un dominio da esquerda. Os fabianos eran uns marxinais, os comunistas italianos crearon os seus propios medios porque era imposíbel penetrar nos burgueses e a RAF nunca deixou de ser unha banda terrorista cuxas ideas non importaban nada.

Se saímos de Europa da man de Priestland atopamos unhas realidades ben diferentes: a esquerda encabezou o movemento dos nonaliñados, tivo unha enorme importancia nas descolonizacións africanas, viuse atacada pola contrainsurxencia estadounidense e si impuxo o seu discurso en Asia durante décadas. Pero o epílogo do autor deixa ben clara a situación actual: a unha enquisa realizada en 2002 estudantes de Beixing responderon maioritariamente que preferían seguir o camiño de Bill Gates e non o do heroe soviético Pavel Korchagin. Nin o fracaso do neoliberalismo na última década fixo dominante o discurso dunha esquerda que quizais endexamais superará —e esa é a conclusión de Priestland— a combinación das súas tendencias prometeicas e utópicas. Nin a humanidade nin o control burgués dos medios de comunicación caeron en douscentos anos nin van caer mañá, Lenore mediante.

Comentarios