Opinión

O camiño segue o seu curso

A terceira achega do proxecto expositivo Camiños enche o primeiro andar do Centro Galego de Arte Contemporánea na visibilización de discursos artísticos que relacionan a nosa presenza co territorio, con aquilo máis inmediato onde a nosa pegada non sempre resulta a máis atinada.
Foto: MAR CALDAS
photo_camera Foto: MAR CALDAS

CAMIÑOS III achega as propostas artísticas de diferentes creadores que, dende as súas interpretacións da realidade máis cercana, permiten establecer diferentes reflexións sobre cal é a nosa relación con esas contornas que, dende o urbano ao rural, establecemos como parte do noso hábitat cotiá. Baixo o comisariado de Alberto Cartón e Santiago Olmo, trece artistas ocupan un amplo espazo do centro artístico compostelán para, dende cadansúa obra, continuar ese traxecto que baixo o título de Camiños, vai sumando novas inquedanzas nese facer do traxecto, das nosas sendas e movementos un acto persoal enunciado case como de activismo social e político. Esa pegada, non sempre afortunada coa nosa contorna, suxire en cada un deles unha mirada a esa relación que adoita estar chea de tensións entre a nosa presenza e a paisaxe, entre a nosa realidade individual e o colectivo que xorde dos nosos diferentes procesos de socialización.

Artistas de diferentes xeracións, mesmo de latitudes distintas, con preocupacións de intereses moi diferentes, atoparon nesas condutas de mobilidade, de desplazamento polo territorio ou territorios, un apoio e mesmo unha inspiración para activar o seu proceso artístico. Deste xeito é como nos atopamos dende o azar no destino da peza do mestre Vito Aconcci, na que se rexistra unha serie de itinerarios que xorden ao azar ao seguir a unha serie de persoas de xeito aleatorio ata que estas acceden a un espazo privado que lle impide o acceso ao artista ata a captura dunha experiencia en paisaxes naturais. Unha sorte de coleccionismo material que se pecha en diferentes compartimentos que forman ese proxecto artístico de Miguel Ángel Blanco baixo o título de La biblioteca del bosque.

Entre esas dúas propostas que van de contornas máis urbanas a outras máis salvaxes, atopamos discursos como os dos galegos Mar Caldas (Vigo, 1964) que, dende dúas impresionantes fotografías de dúas mulleres traballadoras, presentadas cunha clara intención monumental, dentro dos seus marcos de traballo cotiás, e ambas dependendo para levalo a cabo dunha obrigada mobilidade física. Damián Ucieda (A Coruña, 1980), establece un percorrido a base de fotografías en branco e negro sobre o desenvolvemento industrial e económico que xorde das canalizacións de hidrocarburos dende as liñas de atraque dos petroleiros ata a refinería. Falamos de máis de seis kilómetros de distancia que modifican a paisaxe, que a transforman dende a súa fisonomía que mesmo modifica a propia trama urbana da cidade dende a súa paisaxe do desasosego.

O terceiro galego que forma parte desta terceira edición de Camiños e Juan Lesta (A Coruña, 1971), cunha sensible reflexión sobre a nosa liña do horizonte, unha exemplización do sublime que forma parte non só da nosa memoria sentimental, senón tamén da nosa tradición artística. A proposta de Juan Lesta é tamén interesante por cómo se materializa a súa acción en base a diferentes pantallas que amosan cinco vídeos fiados por esa liña que semella reclamar de xeito activa a nosa mirada nunha sorte de alento da nosa emoción fronte á beleza da paisaxe.

Son as dos nosos creadores tres das propostas máis interesantes da mostra pero canda eles nomes xa referenciais da arte como os de Jürgen Partenheimer, Mona Hatoum ou Priscilla Monge amósannos como esa situacións nas que traballan os artistas galegos teñen tamén as mesmas preocupacións en diferentes contextos físicos ou mesmo temporais, sendo esta a comprobación máis precisa de cómo o ser humano en base ao seus procesos de urbanización ou socialización interferiu nun medio que ou ben colonizou de xeito extremo ou foi el mesmo quen de crear, para impoñer a súa propia determinación vital e cómo artellar a súa existencia.

Mais se algo acada esta mostra, dentro desa proposta xenérica de amosar discursos vencellados ao ser humano e a súa contorna, é a de activar no espectador toda unha serie de reflexións e inquedanzas sobre os nosos comportamentos, sobre unha depredación medioambiental á que, pese as mensaxes agoniantes sobre o noso futuro, seguimos sen outorgarlle a necesaria atención, e como as nosas accións, os nosos movementos, son parte da definición do noso mundo.

Comentarios