Opinión

Libros xemelgos

Algunha mocidade anda perdida co tema do espectro político, entre ela a que me atura nas clases. Hai unhas semanas, namentres explicaba o contexto da literatura do século XIX, alguén afirmou que o liberalismo e o socialismo, total, eran o mesmo. Despois de corrixir o asunto, usei unha novidade no ensaio histórico español para poñer un exemplo.

A editorial Catarata vén de poñer na rúa dous libros xemelgos,  Historia de las derechas en España e Historia de las izquierdas en España. Como lle dixen aos estudantes, calquera pode sinalar o obvio: non apareceron tres libros, pois o selo non considerou necesario editar unha posíbel Historia do centro en España. Por algo será e hai dúas hipóteses principais: ou o tal centro non existe en realidade ou o seu papel na política española dende a Revolución Francesa foi marxinal.

Cun proxecto coma este as comparacións son inevitábeis. Os responsábeis son dous profesores de prestixio: o libro das dereitas débese a Antonio Rivera, catedrático de Historia Contemporánea na Universidade do País Vasco —e, todo hai que dicilo, deputado autonómico polo PSE—; o libro das esquerdas a Juan Sisinio Pérez Garzón, catedrático da mesma materia na Universidade de Castilla-La Mancha —e tamén con pasado socialista, como conselleiro de Educación en dous gobernos de José Bono—. Obviamente, a filiación política dos autores vai servir de escusa para que a dereita negue un relato histórico que non a favorece.

Porque o ensaio máis sólido é o dedicado á dereita e o que esperta máis simpatía no lector é o da esquerda. Antonio Rivera ten a enorme vantaxe de poder cinguirse á historia oficial: dos 233 anos que abrangue a obra, a esquerda gobernou 27 —e iso se somos xenerosos no cálculo—. Non precisa moitas notas ou explicacións suplementarias, posto que todos os escolares levan décadas a estudar a Fernando VII, Cánovas del Castillo, Primo de Rivera ou Franco. Quizais por isto, a parte máis orixinal do seu traballo —e sorprendentemente extensa— é a que se dedica ao noso século, na que chega a se historiar por exemplo un fenómeno coma Ciudadanos cun rigor que, sen dúbida, abrirá camiño a outros ensaístas.

En troques, a historia de Pérez Garzón é a dos silenciados, o que fai que, en ocasións, o seu relato semelle desartellado —non o está—. Conceptualmente, un lector atento podería cuestionar certa confusión entre ideas progresistas —persoais, en moitas ocasións— e ideas de esquerdas: por exemplo, o profesor Pérez Garzón decide que é mellor obviar toda a ideoloxía conservadora de Pardo Bazán e quedar coa súa loita polos dereitos da muller. O exemplo non o escollemos ao chou: a grande fortaleza da obra é a atención ao movemento polos dereitos da muller, decote esquecido ou tratado de xeito de secundario. Resulta lóxico se se atende á traxectoria intelectual do autor, que traballou en profundidade o tema. A diferenza do seu compañeiro e rival, o tratamento da última década non é fondo, o que evita un mal común no ensaísmo actual: a demonización de Podemos e o seu antigo líder, Pablo Iglesias.

O díptico editado por Catarata, que supera as mil páxinas, non é, como vimos de ver, unha obra innovadora no seu enfoque mais si unha síntese moi interesante para coñecer a deriva histórica dos eixos políticos e confirmar algo duro para as dereitas e que Antonio Rivera afirma dende o comezo: as ideas do progreso, a pesares de toda oposición, son inevitábeis e o único que poden facer os resistentes e avanzar máis devagar có resto da sociedade —iso si, polo mesmo camiño—.

Comentarios