Opinión

As malas mulleres. A boa escrita

Marilar Aleixandre logrou o Premio Nacional de Narrativa cunha comprometida historia sobre as mulleres encerradas na prisión coruñesa da Galera no século XIX e os intentos por mellorar as súas condicións na procura da súa dignidade que outras mulleres tentaron acadar.
Táboa

Poucas novas mellores para a nosa literatura que enguedellar dous Premios Nacionais de Literatura de xeito consecutivo para autores do noso sistema literario e da nosa lingua, como aconteceu co triunfo o pasado ano de Xesús Fraga e, recentemente, co de Marilar Aleixandre quen, a través de As malas mulleres, propón moito máis cunha obra meramente literaria, achegándose a aspectos como os da memoria, o compromiso co feminino ou mesmo a investigación de determinados acontecementos que moitas, en demasiadas ocasións, a historia, en mans dos que só plantexan direccións únicas e tantas veces interesadas, adoita situar nas orelas do noso coñecemento.

Coa edición de Galaxia, que tamén repite, probablemente de xeito único, en compartir ese éxito coa edición da novela de Xesús Fraga Virtudes (e misterios), Marilar Aleixandre propón a revisión da historia de diferentes mulleres que foron encarceladas na prisión da Galera, que dá nome a unha rúa na contorna da Praza de María Pita, e na que chegaron a estar presas arredor de 300 mulleres nunhas condicións propias dese tramo final do século XIX, pero impropias de calquera ser humano, e que ao referírmonos a mulleres aínda tiña un plus maior de desprezo e de falta de humanidade polas súas condicións, nas que a saúde, as formas de traballo que se mantiñan no seu interior, e todo o que rodea o seu peche configurou unha paisaxe do horror que, como apuntaba antes, a historia non gusta de poñer luz enrriba dela.

De aí a importancia de que Marilar Aleixandre se achegase a esta historia  que coñeceu a través do traballo nunha obra anterior: Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán, na que a autora atopou esa historia de mulleres encarceladas e na que nomes como os de Concepción Arenal ou Juana de Vega desenvolveron un labor de axuda fundamental para mellorar esas condicións, en moitos casos a través da cultura, do coñecemento dos libros e da aprendizaxe da lectura nas internas. De feito, a propia Concepción Arenal foi visitadora de prisións, é dicir, coñecía e daba conta de cómo era a vida das reclusas, solicitando, a través de cartas dirixidas aos órganos de poder, melloras en cuestións como as da saúde ou a alimentación, como no caso do pan de moi baixa calidade que se consumía no cárcere.

Mais o importante aquí, e podo xuntar os dous libros, é a capacidade de facer destes capítulos escuros unha narración que sexa interesante para o lector

Todo isto lévanos a un libro que fai un exercio contra a desmemoria colectiva, contra o esquecemento de capítulos da nosa historia que non coñecemos, tal e como tamén fixo, e non hai moito, Bibiana Candia con outro libro de moita sona, Azucre, e que estes días chega tamén a nós na súa tradución ao galego na editora Kalandraka, relatando a historia de mozos galegos que traballaron en condicións de esclavitude nas plantacións de Cuba. Mais o importante aquí, e podo xuntar os dous libros, é a capacidade de facer destes capítulos escuros unha narración que sexa interesante para o lector, cunha afouta vertente literaria, e que, fronte ao que poida semellar polo seu argumento relatos escuros e ata aburridos para a súa lectura non acontece nada diso e ben cedo queremos seguir coñecendo máis desas historias e gozando da boa escrita.

Marilar Aleixandre manexa para iso unha desas linguaxes que son quen de engaiolar, de seducir ao lector a través dun vocabulario vizoso que volve a amosar o potencial da nosa lingua para repinicar na nosa alma e nas nosas emocións, o cal tamén axita o noso orgullo ao comprobar como esa historia suxeita a esa linguaxe foi quen de seducir ao xurado do Premio Nacional e apostar de novo polo galego.

O libro, tal e como aconteceu con Virtudes (e misterios), verá próximamente a luz en castelán da man da editorial aragonesa Xórdica e baixo a tradución da propia autora, lembremos, membro da Real Academia Galega dende 2017 e cunha longa traxectoria literaria baseda nunha diversidade de propostas e xéneros que van dende a poesía ao relato infantil e que no eido da novela deixa dende este ano nas nosas mans toda unha alfaia que xa formará parte da nosa historia literaria, mais tamén do compromiso que todo autor ten que ter coa nosa historia e construción do que somos hoxe.

Comentarios