Opinión

Mensajes de poesía

A edición dende o Centro Ramón Piñeiro en formato facsimilar da colección completa da revista Mensajes de Poesía (1948-1952), sitúanos ante un valente intento de acoller a poesía máis destacable daquel escuro momento tanto en Galicia como fóra dela.
Luz Pozo Garza
photo_camera Luz Pozo Garza

Poucas tarefas máis sobranceiras para unha institución cultural que a de alumear onde manda a escuridade, a través da descuberta, o estudo e a posta en valor de materiais aos que de non ser polo seu meritorio labor, permanecerían no olvido no andel dalgún almacén. Neste eido unha das novas máis salientables nos últimos tempos no apartado literario en Galicia é a publicación por parte do Centro Ramón Piñeiro do volume Mensajes de Poesía (1948-1952), na que se recollen os once números publicados desa revista literaria e un número máis que non chegou a ser publicado, completándose esa vizosa escolma cunha serie de análises e estudos de nomes como os de Xesús Alonso Montero, Armando Requeixo, Tamara Andrés, Manuel Naveira Fuentes, Luís Alonso Girgado, Aurora López e Andrés Pociña que a través dos seus textos pescudan nas diferentes arestas desa aventura poética que xorde en Vigo, da man do seu fundador, editor e coordinador, Eduardo Moreiras, e que durante catro anos serviu de acubillo a unha poesía que na posguerra española non tiña precisamente moitos espazos nos que amosarse.

O seu primeiro número, de setembro de 1948 xa foi toda unha declaración de intencións, dese espírito de convivencia de linguas e achegas poéticas, nas que galego e castelán formaban parte dunha mesma realidade –en números sucesivos haberá textos en inglés e francés– acollendo a nomes tan destacados como os de Luz Pozo, Luis Pimentel, Ánxel Fole, Julio Sigüenza ou o propio editor, e tamén poeta, Eduardo Moreiras, quen amosou a súa inquedanza por darlle forma a esta revista e quen lle manifestou este desexo á propia Luz Pozo Garza, así como ao poeta, que posteriormente sería Premio Nobel, Vicente Aleixandre, que serviu de apoio á publicación fóra de Galicia e, xunto a Carmen Conde, axudaron á súa difusión así como á incorporación de voces aos números sucesivos. De feito, xa nos seguintes números, no dous e no tres, ambos poetas contribúen con textos da súa autoría nuns exemplares que ao estilo das revistas de vangarda anteriores á Guerra Civil, xogan coas cores das súas páxinas, as grafías das súas letras e a incluír pequenas ilustracións que enchoupan os textos de imaxes que semellan darlle respiro á palabra. Nestes exemplares atopamos colaboracións artísticas de Jean Cocteau, Álvaro Cunqueiro, Laxeiro, Carlos Maside, José Antonio Molina Sánchez e José María Párraga.

No comezo da súa historia Eduardo Moreiras arelaba chegar ao número dez desa revista, bo coñecedor de que estas publicacións, sen apoios económicos, con baixas ventas e mantidas case de xeito exclusivo con subscripcións adoitaban ter unha vida curta. Chegouse ao número once e cun orixinal formato de caderno, a diferencia dos formatos anteriores máis tipo revista, dentro dos cales catro foron entregas antolóxicas adicadas a Rafael Morales, Álvaro Cunqueiro, Carmen Conde e Blas de Otero. Con esta última comezaron os problemas da Revista, ao poñer "un estúpido burócrata que preside la poesía en esta provincia (Pontevedra)", en palabras do propio editor, os seus ollos en sendos poemas do poeta vasco que cualificou de "pornográficos e irreverentes".

Eduardo Moreiras tiña moi claro o itinerario deste proxecto, esa reunión de voces da poesía do momento que viñan a demostrar non só a calidade dos seus protagonistas senón tamén a súa forza vital e rebeldía nun tempo no que non había demasiadas plataformas nas que amosar este tipo de escritos, dando resposta a unha inquedanza que tiña o propio editor quen, un ano antes da publicación do primeiro número da revista, sacou do prelo da imprenta J. Varela de Vigo, onde tamén se imprentou Mensajes de Poesía, o seu primeiro poemario, El bosque encantado, onde tamén se imprimiu o primeiro poemario de Luz Pozo Garza, Ánfora, en 1949 e onde en 1952 publicouse o seguinte libro de Eduardo Moreiras, Los oficios, dando conta así dese gurgulleo poético que tiña lugar arredor dunha figura que descobrimos a través desta proposta do Centro Ramón Piñeiro coa que nos atopamos cunha, ata o de agora, escuridade convertida xa en lumieira poética baixo o título de Mensajes de Poesía.

Comentarios