Opinión

Roma vale para todo

Casco romano. EP
photo_camera Casco romano. EP

Hai uns poucos acontecementos na historia universal que serven para explicar ou xustificar case que calquera suceso. Quizais o máis socorrido sexa a caída de Roma, en particular dende que Edward Gibbon, o escritor e esteta inglés do século XVIII, pertencente ao círculo do magnífico Samuel Johnson, a abordou en catro grosísimos volumes –que non leron nin sequera a maioría de apaixonados pola historia–.

O século XXI non ía ser alleo a esta tendencia e para confirmalo temos o recente libro de Edward J. Watts, La decadencia y caída de Roma, publicado por Galaxia Gutenberg. O problema, neste caso, está no subtítulo escollido para a tradución española: La clave para entender el mundo de hoy. Xeran estas palabras un horizonte de expectativas para o lector, que agarda unha lectura do presente coa chave do acontecemento do pasado. 

A expectativa resulta ser falsa agás polo epílogo da obra e aínda hai algo máis curioso: o subtítulo orixinal –Unha idea perigosa, traducido xa ao galego– tería sido máis contundente e acaído para o contido da obra, xa que Watts non dá chaves para entender o noso mundo senón que, no final da súa obra, advirte contra a manipulación dos conceptos de decadencia e caída que se leva a cabo por parte da dereita radical e neoconservadora dos Estados Unidos. Antes, e durante case trescentas páxinas, repasa a historia de Roma dende o comezo do Imperio até Carlos V.

Watts é un autor xa coñecido para os afeccionados á historia en España, posto que xa publicou un libro tan breve coma contundente sobre o final da República. A súa imaxe de marca, que mantén aquí, é o desafío de certos coñecementos dados por certos de maneira convencional: Domiciano non foi un asasino que trouxo o caos a Roma denantes dunha época dourada; Marco Aurelio –a quen puxo de moda recentemente o seleccionador de fútbol Luís Enrique– sería moi bo filósofo, pero probabelmente o romano de a pé non viu o seu goberno precisamente coma unha época de ouro e esplendor; Xustiniano non foi o grande restaurador dun caos primixenio producido só unhas décadas antes... Así poderiamos seguir con varios asuntos, sempre tratados en profundidade e con argumentos convincentes polo autor.

Un tema que non se aclara a xeito e merecería ese tratamento é o da extensión do mesmo concepto de Imperio Romano. Como vimos de comentar, chega ata Carlos V e, polo tanto, establece unha continuidade que vai dende Xustiniano a el e pasa, entre outros, por Carlomagno, Henrique IV de Alemaña –aquel que tivo que se humillar en Canossa perante o papa– ou os cruzados que arrasaron Constantinopla. É, como pouco, unha interpretación pouco convencional e merecería unha ampla explicación, pois o saber histórico corrente considera que o feito de que estes gobernante Emperador Romano de Occidente non significa que ostentasen tal dignidade.

Se optamos por facer caso a Watts e non á editorial co subtítulo, temos que recoñecer o acerto da escolla: efectivamente, identificar calquera proceso actual coa caída de Roma é unha idea perigosa. Máis cando esa identificación, tal e como documenta o autor, procede xa non de legos en historia senón de verdadeiros ignorantes –tanto da historia como da cultura en xeral–, persoas coma Ronald Reagan –quen atribuía a caída romana ao ocio e o afeminamento (sic)– ou a actriz Joan Collins, que decidiu nunha ocasión en Playboy conectar a desaparición do Imperio coa sífilis e non se sabe que volcán. Ocorre que agora hai quen toma en serio os políticos idiotas e os artistas que falan barato.

Comentarios