Opinión

Con debuxiños

O creador de cómics Jorge Cham e o físico David Whiteson demostran que a mecánica cuántica pode explicarse con debuxiños e chistes

Tren

HAI UNHAS poucas semanas traíalles Manuel de Lorenzo a estas mesmas páxinas un retrato do físico Richard Feynman, un home máis coñecido aínda pola súa personalidade ca polas súas transcendentais  achegas á ciencia. Súa é a frase "Se vostede pensa que entende a mecánica cuántica... logo é que non a entende". Por unha vez Feynman non foi orixinal, xa que non facía outra cousa ca citar ao xenio danés Niels Bohr, quen dixera xa nos anos 30 que "calquera que non estea impactado coa teoría cuántica... é que non a entendeu".

Así é a mecánica cuántica, unha disciplina en cuxa plena comprensión fracasan mesmo os grandes enxeños da humanidade. Podemos chegar a coñecer os seus aspectos básicos e de feito é apaixonante seguilos da man, por exemplo, de Richard Rhodes —cuxo libro de referencia sobre a bomba atómica nin está traducido ao español—; pero decote cada resposta leva a unha nova pregunta e aos poucos minutos de reflexión calquera intelecto ben dotado está nunha calella sen saída da que é imposíbel fuxir.

Por todo isto temos que gabar o orixinal intento de explicación do creador de cómics Jorge Cham e o fisico de partículas Daniel Whiteson. Estes dous autores posúen unha estraña combinación do mundo da ciencia: son físicos expertos, grandes divulgadores e, casualmente, afeccionados ao debuxo e o cómic. E coa combinación destas tres cualidades elaboraron No tenemos ni idea. Una guía para el universo desconocido. Publica Capitán Swing, un selo que non adoita fallar coas novidades nin sequera en casos coma este, nos que se afasta dos seus temas habituais —historia, política, economía...—.

Comprender con debuxos, ou debuxiños coma neste caso, é máis sinxelo. Xa nos gustaría aos profesores de Literatura poder usalos de xeito máis xeneralizado. Pero se Cham e Whiteson teñen éxito na súa empresa non é pola súa capacidade para debuxar átomos, electróns ou buratos negros e antimaterias —se tales cousas existen ou poden debuxarse—, senón por utilizar nestas ilustracións un trazo sinxelo e unha linguaxe que chega ata o lector máis profano, chea de humor, acenos de complicidade e unha gran cantidade de brincadeiras sobre o feito de ser un estudoso de algo que non se pode captar de todo e ademais ousar escribir un libro sobre esa mesma materia.

E polo medio dos graciosos debuxos e os chistes... as grandes cuestións da humanidade, que dun xeito máis sintético vén a responder Stephen Hawking no seu primeiro libro póstumo —moito me temo que haberá máis—. A nosa comprensión de todo o que nos rodea no universo está chea de lagoas, de enormes baleiros en canto ao funcionamento. ¿Por que non se pode viaxar máis rápido ca velocidade da luz? ¿Por que estamos feitos de materia e non de antimateria? ¿Como é posíbel que preto dun 70% do Universo estea composto de materia escura e nin sequera saibamos o máis básico sobre ela? ¿Se chegásemos ao final do Universo poderiamos dar a volta? ¿E poderiamos viaxar no tempo?

Non lles vou a revelar as respostas a todas estas preguntas. En primeiro lugar, porque teño que saber acompañar na ignorancia os grandes sabios da humanidade con Einstein á cabeza, aínda sen ser coma eles; en segundo lugar, porque paga a pena que lean o libro de Cham e Whiteson e aprendan algo do funcionamento do universo e, xa de paso, se afasten como da peste deses libros de autoaxuda podres que usan de xeito bastardo o cuántico para vender unha estúpida conexión mística e cósmica entre a nosa enerxía e a nosa posíbel intervención tanto no universo coma no seu e o noso futuro.

Comentarios