Opinión

Os incel e outra fauna

gruppi-incel-redpill

Levo toda a miña vida académica e laboral, agás un par de anos illados, rodeado de mulleres. É algo lóxico en España, porque as carreiras de Letras teñen unha maioría de rapazas e o mesmo vai camiño de acontecer no ensino secundario –se non pasou xa–. Polo tanto, cando chegan datas coma o 8M, con cuxo ideario me identifico, adopto unha posición de respecto sen máis: roupa violeta e respecto para que falen as protagonistas do evento.

Podería dicir, polo tanto, iso de non todos os homes. É un argumento frecuente que pode lerse, sobre todo nas redes sociais, cando teñen lugar unha violación, un acoso sexual ou un asasinato machista –tres sucesos terribelmente frecuentes, por certo–. Non o fago porque iso significaría agochar un problema: o que denuncia a escritora inglesa Laura Bates en Los hombres que odian a las mujeres, impactante novidade que publica a sempre comprometida Capitán Swing.

Incel non é unha palabra común nin recoñecida polas academias, polo que non teñen por que coñecer o seu significado. É un sonoro acrónimo inglés, célibe involuntario, e fai referencia a un home que non consegue ter relacións sexuais por distintos motivos e desenvolve por isto unha agresiva xenreira contra todas as mulleres. Suponse que a figura existe dende hai séculos, mais só nas últimas tres décadas acadou unha grande prominencia social, grazas a unha ferramenta: Internet.

Explica Bates o funcionamento das comunidades incel e outras análogas –os troles machistas, os homes que seguen o seu propio camiño, os mestres da sedución que gañan centos de dólares por consellos decote estúpidos–: é que ela denomina machoesfera, un mundo pechado e retroalimentado de odio contra as mulleres e, en especial, contra as feministas cuxa merda reborda ata chegar á vida real.

Esta última quizais sexa a idea forza do libro de Laura Bates. Sabemos que existe un terrorismo machista e que o machismo xogou un papel fundamental en acontecementos coma o tiroteo de Christchurch –Nova Zelandia, 51 mortos– ou os asasinatos de Santa Barbara –seis mortas nunha sororidade desa universidade–. Porén, a percepción destes e moitos acontecementos, marcada polas ideas de certos medios masivos, é a de que estes criminais padecen problemas mentais, son lobos solitarios e viven nunha illada comunidade en rede cuxa proxección na vida real é escasa.

Grazas a un experimento de campo, no que a mesma Bates, convertida en Alex entrou neste tipo de comunidades en rede, podemos afirmar que isto non é certo na súa maior parte. Existen os problemas mentais, coma entre calquera colectivo, pero hai que fuxir da cómoda lóxica de pensar que todos son tolos; hai milleiros de membros e de todas as idades; e si, teñen proxección na vida real, tanto cos seus asasinatos coma con outro tipo de actividades relacionadas coa violencia contra as mulleres.

Por último, tal e como sinala a autora, o ascenso do populismo deulles, polo menos en Estados Unidos, carta de natureza política e social: inqueda ler como Bates, nas súas charlas en escolas estadounidenses, observou como pouco a pouco medraba o número de rapaces que expuñan argumentos estraños, manipulaban datos e estatísticas... e vestían gorras ou camisolas cunha lenda: Fagamos América Grande Outra Vez. O fenómeno, coas súas derivadas, atópase tamén en España en fases primarias e pode medrar, como demostran as reaccións a todo o que teña que ver co Día da Muller Traballadora: a literatura de denuncia non é un antídoto para isto, pero polo menos axuda a coñecer a faciana do monstro que ameaza con devorar a paz das nosas sociedades.

Comentarios