El tiempo
martes. 16.08.2022
El tiempo

Pensamentos máxicos

Joan Didion
Joan Didion

ALGO SE move na literatura galega e, polo tanto, na edición de libros en galego. Como saberán os lectores veteranos, esta columna viviu disociada durante máis dunha década: case sempre foi unha peza en galego sobre un libro en castelán dada a escaseza de obras publicadas na nosa lingua que cumprisen os criterios de calidade e diversidade —ensaios ou clásicos de recoñecido prestixio—.

Algo se moveu coa pandemia e ao galego comezan a chegar xa non só obras de calidade illadas senón mesmo long-sellers que ocupan os lugares máis altos das listas dos mellores libros do século XXI. É o caso de O ano do pensamento máxico, da xornalista e novelista californiana Joan Didion, que publicou hai unhas semanas Rinoceronte e que é para moitos, entre os que me conto, o mellor libro de non ficción escrito nos últimos vinte anos.

Dada a popularidade da obra sería fachendoso tentar innovar na análise. Estamos a comezos da década dos 2000 e Didion é unha das grandes voces da cultura estadounidense... pero pasa por un difícil momento persoal, xa que a súa filla —que ten un nome moi galego, en realidade, Quintana— sufriu unha xeira de graves enfermidades que a manteñen na UCI dun hospital, nunha loita entre a vida e a morte. No penúltimo día de 2003 ela e John Dunne, o seu home, despiden á filla no hospital e van á casa cear. De súpeto, Dunne cae fulminado cun ataque ao corazón mortal.

A narración de Didion desenvólvese, polo tanto, durante o ano 2004. Non recolle o triste final de Quintana Dunne, morta en agosto de 2005. O libro non estaba publicado daquela, mais a autora non quixo facer cambios nel, o que deixa unha sensación de traxedia en marcha desacougante e resulta todo un acerto para o lector dos 20. 

A noción de pensamento máxico pode semellar esotérica, pero non pertence a este terreo senón ao da antropoloxía

A noción de pensamento máxico pode semellar esotérica, pero non pertence a este terreo senón ao da antropoloxía. En Didion ten dúas expresións: a primeira, cara atrás, fai padecer á autora ao pensar se algo podería ter feito para evitar o pasamento inmediato de Dunne –ata chegares á racional conclusión de que era imposíbel, dada a grave enfermidade cardíaca que este sufría; a segunda, a máis frecuente, forma parte do proceso de dó e forma o núcleo da obra ao se mesturar co proceso do loito.

Como moi ben constata Didion, todos imos morrer pero a morte aínda ten algo de tabú nas nosas avanzadísimas sociedades. O ano do pensamento máxico triunfou e tivo centos de miles de lectores porque é un grande libro e un grande testemuño, si, pero tamén porque enche un baleiro: o da literatura sobre a experiencia da morte repentina e brutal e a súa superación nun proceso que mestura natureza e intelecto.

O último elemento que fai imprescindíbel o libro –unha das grandes novas na lingua galega este ano– é o seu estilo. Didion foi unha autora de novela pero a crítica non a sitúa no cumio desta arte –haberá que facerlle caso aos críticos xaora– senón entre as voces máis senlleiras do xornalismo literario e con toda xustiza. As verbas da autora son limpas e claras, sempre informativas e analíticas, e teñen a dose xusta de emoción: a que se precisa para que en cada páxina un sinta unha picada nas tripas sen que haxa aturuxos que desborden a emoción e leven o libro a un lugar ao que claramente unha voz xenial como a de Didion –e a de Eva Almazán, por certo, a súa tradutora á nosa lingua– non quixo nunca levalo: o do drama sen contención.

Pensamentos máxicos
Comentarios