Opinión

Rumbo a Estambul

O xénero da biografía de grande cidade segue en alza e semella que quedan moitas historias de interese que narrar tirando dese fío

HAI UNS días pretendín documentarme para esta peza e preguntei ao meu amigo Juan, que é un viaxeiro impenitente —ben, en realidade un señoro acompañante de Inma, a súa dona—. A súa resposta foi que non se vía capaz de colaborar comigo porque era incapaz de ler os meus artigos sen parar varias veces tomar un chupito e xusto entón agarrábao no primeiro. Así que souben que estivera en Estambul... e nada máis. Ningunha historia que vir contarlles sobre un galego en Turquía.

Viña a conto a pregunta porque rematara había horas Estambul. La ciudad de los tres nombres, monumental biografía da grande urbe escrita por Bettany Hughes e publicada en España pola Editorial Crítica, sempre atenta aos mellores ensaios que se editan no mundo anglosaxón. O xénero da biografía de grande cidade segue en alza e semella que quedan moitas historias de interese que narrar tirando dese fío.

Non se pode negar que o feito de que o libro estea escrito por unha historiadora inglesa é un extra interesante. A relación entre Londres e Estambul ten deixado á literatura momentos tan gloriosos —as descricións de Edward Gibbon ou o verso de W.B. Yeats que dá título a este texto— como á historia: boa parte da grandeza imperial británica quedou enterrada na península de Galípoli.

Pero non corramos tanto, xa que a autora non o fai. Estambul é unha biografía demorada, froito de moito tempo pasado na cidade e, sobre todo, no seu subsolo. Alí están os vestixios dos asentamentos prehistóricos, da comunidade grega... a Bizancio previa aos romanos. O cambio de nome a Constantinopla, a Segunda Roma, é un episodio transcendental na historia universal e como tal asistimos paso a paso ao seu desenvolvemento.

Confusión moi habitual para os profanos é confundir a turcos e árabes. Evidentemente Hughes non precisa aclarar o asunto, xa que a partires do episodio chave da obra, a caída de Constantinopla en 1453 e a desaparición do Imperio Romano, podemos ver como paseniño os turcos —procedentes de Anatolia e antes da Asia Central— transforman a relixión da cidade sen modificar a súa esencia multicultural, representada ante todo por esa tropa particular que foron os xenízaros, corpo de elite recrutado entre os cristiáns ortodoxos dos Balcáns.

Poucas nacións actuais teñen un pai tan evidente como a turca:  Atatürk é quen deixou á megalópole o estatus que agora posúe 


O tramo final do libro queda marcado polo terceiro cambio de nome: a historia da actual Estambul, centro espiritual de Turquía pero non a súa capital. Poucas nacións actuais teñen un pai tan evidente como a turca: Mustafa Kemal Atatürk —O Pai de Todos os Turcos— é quen deixou á megalópole o estatus que agora posúe. Para transformar o Imperio en República tivo que afastarse de todo o que representaba Constantinopla en fondo e forma. Elixiu Ankara como capital e dende 1930 aos carteiros prohibíuselles entregar cartas que incluísen o antigo nome na dirección.

Os pequenos capítulos do libro, que facilitan a lectura, non poden limitarse a Estambul como cidade: as rúas, barrios, habitantes... A grande cidade do Bósforo leva séculos atraendo co seu magnetismo pobos moi afastados. Dise que os seus soldados popularizaron o café en Viena ao deixar abandonadas toneladas despois do sitio de 1689; trescentos anos antes as tropas do Imperio crearan o mito fundacional da nación serbia en Kosovo. Hai uns anos semellaba claro que Europa podía rachar a fronteira secular que supoñen os Dardanelos e deixarse atraer por ese magnetismo, pero a progresiva disolución da República laica de Atatürk semella un capítulo novo desa historia que tece con agarimo Bettany Hughes.

Comentarios