Opinión

Vocación de indispensábel

Javier Nogueira celebra que o talento arxentino para o insulto balompédico sexa equiparable ao filosófico de figuras como Juan José Sebreli

ANDAMOS NESTES días rodeados de fútbol por todas partes e o sábado pasado ocorreu un deses acontecementos que fan estoupar as redes sociais: Leo Messi fallou un penalti ao enfrontarse con Halldórsson, porteiro de Islandia no seu tempo libre, director de cine na vida civil. Isto fixo que centos de seareiros arxentinos se lanzasen a amosar toda a súa creatividade para o escarnio e maldizer, amosando de novo unha imaxe alterada do seu país, algo bastante frecuente por desgraza.

Aínda que escache coa risa ao ver como se compara a alguén cunha "balea cuadripléxica", eu prefiro a outra Arxentina: a das liberdades, a das minas berrando pola legalización do aborto e a de Juan José Sebreli. Non é este escritor alguén coñecido en España, unha desas figuras de referencia rioplatenses, quizais por non terse dedicado á literatura de ficción. Esta inxustiza pode comezar a arranxarse grazas á extraordinaria acollida do seu Dios en el laberinto (Debate), obra de vellez que aspira a ser indispensábel no eido da crítica das relixións. 

Como todos os arxentinos de conviccións progresistas nacidos na década dos 30, Sebreli é un sobrevivinte. Esquerdista, agnóstico e homosexual, dende a distancia un non entende moi ben como non rematou nun voo da morte. Para fortuna dos seus lectores, non ocorreu tal cousa e Sebreli dedicou aqueles anos de terror ao proxecto da Universidade das Sombras, unhas clases particulares de altísimo nivel nas que a mocidade aprendía aquilo que estaba proscrito nas aulas de Videla, Massera e demais bosta. 

O resultado é a destrución argumental do fenómeno relixioso dende o punto de vista filosófico e histórico


Daqueles tempos quedoulle unha vocación de lobo estepario, de intelectual á marxe de todo poder e conformismo... e grazas a ela afronta un exame a fondo da sempre espiñenta cuestión da relixión e a relixiosidade. O resultado é o esperábel cando un crítico do irracionalismo, da posmodernidade e os seus relativismos e de calquera dogma choca cunhas ideas retrógradas e inflexíbeis: a destrución argumental do fenómeno relixioso dende o punto de vista filosófico e histórico.

Resulta de especial interese que esta crítica chegue dende a Arxentina. O etnocentrismo leva aos intelectuais de Occidente a declarar a decadencia do relixioso e mesmo a súa desaparición, diagnóstico que contrasta co evidente auxe do fenómeno —xa non só entre islamistas e evanxélicos, por exemplo; senón nos mesmos Estados Unidos—. Arxentina ten hai décadas un pé en cada beira e podemos ver nas páxinas de Sebreli o efecto do populismo peronista, da teoloxía da liberación e do papado dun Bergoglio a quen dedica as duras páxinas que corresponden a quen coñeceu ao sacerdote mozo que agora pasa por tolerante cos gays.

Nesta columna non nos detemos decote nas edicións dos libros, pero paga a pena facelo nesta ocasión. A obra publicouse en España na que, aparentemente, é a súa edición orixinal. Isto ten certos riscos: a norma culta rioplatense non é exactamente a peninsular e hai que estar moi familiarizado coa cultura arxentina para non perder moitas referencias (esa "Biblia junto al calefón"). Non estaría de máis unha segunda edición con notas e coa corrección de certos erros grosos que Sebreli comete —culpar a Savonarola da queima de Giordano Bruno, por exemplo— traizoado de seguro por unha memoria excelente e chea de información que é a que lle permite, por outra banda, construír un libro de referencia, de amplas perspectivas e cuxo interese hase manter durante anos, sobre todo nun panorama intelectual moito máis conservador en temas relixiosos como é o español.

Comentarios