domingo. 26.09.2021 |
El tiempo
domingo. 26.09.2021
El tiempo

A aldea rota de McLuhan

HOUBO OUTRAS globalizacións. A dos séculos XV e XVI abríu para Europa un novo mundo. Pequenos países europeos dominaron grandes imperios onde xamais se deitaba o sol. Na globalización que achegou América, África, parte de Asia houbo gañadores e perdedores.

Outras globalizacións mostraron o mellor e o peor dos humanos. Homo hominis lupus. Unha parte do mundo arremeteu e tentou destruír a outra metade nas dúas guerras mundiais do sanguinario século XX. A Globalización da Apocalipse.

Ao mellor foron etapas dunha única globalización, proceso onde economía, tecnoloxía, sociedades que migran, política e cultura se universalizan. As multinacionais rompen fronteiras e fan do pequeno planeta unha aldea grande e global. A desaparición do público, a barra libre internacional ou desregulación son o vento que infla as velas desta globalización con carauta neoliberal.

Hai quen gaña. O mercado é máis eficiente. Mellora a comunicación e a cooperación internacionais, o desenvolvemento científico e técnico multiplícase porque é máis rendible. Valados é fronteiras desaparecen para o diñeiro, materias primas, bens e servizos. E hai quen perde cando se rompen os precarios equilibrios entre países. Unha minoría acapara os recursos mentres a pobreza e as desigualdades son para a inmensa maioría. A competitividade acaba espindo aos máis febles.

Inmigración e globalización. Os expertos tratan de explicalos ben porque son inseparables e teñen consecuencias positivas. Tamén deixan unha lexión de prescindibles nas beirarrúas: pouco cualificados para asimilar os cambios dunha economía que se move moi rápido. De costas ao sistema político e con pouca formación, sucumben aos cantos de serea. Éche a hora dos flautistas de Hamelin nos oídos da xente: Trump, Salvini, Orban, Torra, Bolsonaro, os mentireiros do Brexit.

Na Europa que xurdíu dos cascallos da 2ª Guerra Mundial naceu o estado de benestar para atender á xente. Hoxe periga o estado social. Partidos progresistas e sindicatos, valedores dos derrotados, están debilitados. A crise económica é outra globalización. Arrasou cos paraugas sociais e non se preocupou por estender un programa de protección aos perdedores, aquí a mocidade.

Se a globalización económica, se a inmigración dos que foxen do inferno, se a crise esquece a xente, a cidadanía ignorará aos partidos políticos. Sen o salvavidas do estado de benestar agárrase ao cravo ardendo dos populismos, patrias identitarias, nacionalismos xenófobos. Medos e sementeira de odio.

A sociedade ten unha enorme forza social e pode presionar aos políticos. Para que afronten as desigualdades. Para que repartan con equidade riqueza e recursos. Para que devolvan o protagonismo político ás sociedades. Para que reconstrúan a aldea rota de McLuhan.

A aldea rota de McLuhan
Comentarios