miércoles. 08.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 08.12.2021
El tiempo

Avalancha de medos

ATA O porto chega o barco ateigado de migrantes, rebordante de tópicos. Só Turquía recibíu 3,5 millóns que fuxían da carnicería siria, millón e medio máis que a UE. E do 85% dos 68,5 millóns de desprazados forzosos no mundo, a metade nenos, acabaron en países en desarrollo.

Non importa. Nas salas de espera da España Baldeira, co esterco do medo, medran vizosas as fake news. E agroman envelenadas sementes de odio ao forasteiro, de xenofobia malintencionada, rexeitamento do outro con distinta pel e relixión, medos irracionais diante do diferente. Do estranxeiro.

Interminables guerras do fin do mundo provocan éxodos bíblicos mentres fabricantes e traficantes de armas se enriquecen. Os guerreiros disparan e os civís poñen os mortos, a fuxida cara a ningures.

O problema dos que escapan da miseria, guerras, terras invivibles polo quentamento global, require solucións complexas e globais que non están nas mans dun país senón da gobernanza mundial: Nós, os pobos todos da terra... di o preámbulo da Onu que acubilla á familia humana.

Chama a atención que países árabes ricos como Arabia, Emiratos, Kuwait, Qatar asuman poucas responsabilidades nun problema tan próximo. E soa raro que firmen as súas proclamas en nome de Alá, el clemente, el misericordioso. Pouca clemencia e misericordia hai no luxo desenfreado, na cobiza, non miles de millóns para exportar crueldade ou organizar delirantes campionatos de fútbol. Ofenden a dignidade de millóns de seres humanos.

Solucións simples a problemas complexos como o das migracións producen monstros, populismos con complexo de embigo, personaxes excesivos e brutais como aquel Viktor Orban, ese Trump, este Salvini, cínicos escudados con indecencia tras a carauta cristiana. Políticos e medios curtopracistas alimentan as alarmas diante do chamado efecto chamada. Ignoran intencionadamente que antes de calquera chamada, hai un efecto urxente de fuxida.

Cómpre aplaudir a organizacións como Médicos sen Fronteiras, na vangarda de atención nesta emerxencia. Pero sen esquecer que son máis, moitísimos máis os médicos formados nas facultades africanas a un alto custo que acaban exercendo no mundo rico. Velaí unha ONG ao revés: África curando a USA, a Europa.

O barco que arribou en Valencia tiña outras ofertas da mellor Italia, tamén Francia, aquí Barcelona. A cor negra dos migrantes éche un lenzo onde medran os dixomedíxomes que esvaran polas cloacas das redes.

Na España Baldeira medra o pesimismo que vaticinaba o demógrafo francés: Imos cara a unha sociedade de anciáns falando de cousas antigas en casas vellas... nun aire remansado de temores, rancor e desesperanza. Atrincheirados contra as ondadas, invasións, conquistas, asaltos ao noso paraíso. Avalanchas de medos.

Avalancha de medos
Comentarios