Falecen tres españois e un peruano nunha avalancha nos Andes

Un cuarto montañeiro de nacionalidade española conseguiu sobrevivir ►O accidente produciuse cando un membro da expedición escorregou e arrastrou ao resto

Tres montañeiros españois e un guía peruano faleceron nos Andes de Perú por mor dunha avalancha, mentres outro montañeiro español logrou sobrevivir, informou este luns a Efe a Unidade de Alta Montaña da Policía Nacional do Perú.

Un portavoz policial explicou que o grupo coroara o nevado Mateo, na rexión Ancash, no centro de Perú e con máis de 5.000 metros de altura, cando lles sorprendeu a avalancha o domingo, no momento en que se preparaban a baixar.

Un dos seus compañeiros, de 26 anos e nacionalidade española, deu a alerta sobre o accidente e os corpos dos catro falecidos foron localizados na noite do domingo, segundo as fontes.

Polo menos dez policías de Alta Montaña traballan desde o domingo no rescate dos seus corpos a pesar das malas condicións meteorolóxicas, pois a choiva atrasa os seus traballos e non hai comunicación coa zona próxima á montaña.

Un portavoz policial explicou a Efe que a avalancha se produciu cando os montañeiros descendían e estaban a cen metros do cume, que xa coroaran. Ao parecer un deles escorregou e arrastrou aos demais, que ían atados a unha corda.

Os españois falecidos son Adrián S.J.P, Sergi P. P. Gerard B. R., que ían acompañados polo guía peruano Rubén D. A., quen tamén morreu no accidente, segundo os medios locais.

Os seus corpos serán levados pola Policía ata o campo basee do nevado Mateo e de aí a un hospital na provincia peruana de Carhuaz.

O español sobrevivente, identificado polos medios peruanos como Paolo Belmonte Calderón, foi evacuado o domingo a unha clínica da cidade de Huaraz, capital de Ancash, onde é tratado, aínda que non se informou sobre o seu estado de saúde.

A avalancha, que arrastrou os corpos aproximadamente 200 metros, produciuse ao parecer ao redor do mediodía do domingo, segundo un comunicado da Asociación de Guías de Montaña do Perú.

Un equipo da Unidade de Salvamento de Alta Montaña da Policía Nacional e da Asociación de Guías de Montaña atopou o ao guía peruano con vida, pero morreu pouco despois debido á gravidade das súas lesións.

O presidente da Asociación de Guías de Montaña do Perú, Rafael Figueroa, declarou ao diario "El Comercio" que o guía peruano falecido tiña doce anos de experiencia en montañismo.

"O colega tiña moita experiencia, pero o problema é que agora os glaciares teñen moitas alteracións polo cambio climático. Antes era máis seguro escalar e agora hai un cambio que sorprende aos guías de montaña", dixo Figueroa.

En Ancash atópase a Cordilleira Branca, unha cadea de montañas dos Andes centrais cuberta de neve, que é unha das rexións predilectas dos montañeiros para facer ascensos aos seus picos e practicar deportes de aventura.